Feijóo di non ter “constancia directa nin indirecta” de pagos de Crespo ao PP

Afirma que foi a Xunta a que destapou a suposta fraude de subvencións a cursos de formación, que ameaza con salferir a administración. O sumario reflicte o abono pola rede de 17.000 euros ao PP.

feijoo

O presidente da Xunta afirmou esta quinta feira que calquera alto cargo da administración autonómica que sexa sospeitoso de cometer unha irregularidade será denunciado. Unha frase feita ao tempo que dicía non ter constancia “nin directa nin indirecta” de pagamentos ao PP polo empresario Gerardo Crespo, considerado o líder da rede de fraude investigada na ‘Operación Zeta’.

Crespo, empresario coruñés afiliado do partido Popular e imputado na mencionada trama de estafa de axudas públicas de varios millóns de euros, rexistrou nos documentos de contabilidade das entidades requisados pola policía pagamentos ao PP e a altos cargos da Xunta, segundo informa ‘La Opinión de A Coruña’. As anotacións reflicten dous abonos ao PP (o 4 de abril e o 7 de novembro de 2011).

As empresas e compañías de autónom@s e discapacitad@s investigadas pola unidade especializada en delitos fiscais da Policía Nacional meteron no peto, segundo a investigación, por volta de 20 millóns de euros. A gran maioría deses millóns (15 de 20) procedían da Xunta entre 2008 e 2012 por organizar cursos para persoas en desemprego, cursos que en moitas ocasións, nin se chegaron a impartir.

Vence: "É a punta do iceberg dunha corrupción moito máis profunda que afecta ao PP"

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, considera que a información que se está a coñecer sobre a presunta xestión fraudulenta dos fondos europeos para a formación ocupacional por parte das empresas de Gerardo Crespo “reflicte un problema de moito máis calado que afecta á xestión dos fondos para a formación ocupacional por parte do PP e da Xunta de Galiza”.

Comentarios