Sesión de control

Feijóo responsabiliza a oposición do retraso do AVE e di que había máis apagóns co ‘bipartito’

O presidente da Xunta acusa o BNG de “tentar intoxicar a sociedade galega” e carga contra “os novos mesías” de En Marea.

Alberto Núñez Feijóo e Íñigo de la Serna
photo_camera Alberto Núñez Feijóo e Íñigo de la Serna

“Nós falámoslle dos problemas dos galegos e vostede fai oposición da oposición”. A portavoz do BNG, Ana Pontón, reprochoulle a Núñez Feijóo que persistise na súa dinámica xa habitual nas sesións de control parlamentar de botar balóns fóra, non responder as preguntas formuladas pola oposición e responsabilizar a esta de todos os males. Esta terza feira non foi unha excepción. Tres cuestións sobre a mesa: retrasos do AVE, a tarifa eléctrica galega e os apagóns do temporal e a industria auxiliar do automóbil. Feijóo desbotou calquera responsabilidade. Nin que eu fose o presidente, faltoulle engadir.

Pontón lembrou que miles e miles de galego ficaron varios días sen luz nestes días, “e non polo temporal” senón por unhas eléctricas “que incumpren as leis mentres o PP mira para outro lado”. A portavoz nacionalista acusou Feijóo de vetar unha tarifa eléctrica galega, que beneficiaría “familias e empresas”. Lembrou que Euskadi xa ten beneficios neste campo grazas a un acordo co goberno central mentres que Galiza, que exporta o 40% da enerxía que transforma, non ten ningunha vantaxe. Preguntoulle a nacionalista ao presidente se ía haber sancións para as eléctricas após os cortes e apagóns destes días, así como se ían dispoñibilizar axudas económicas para os afectados.

Feijóo afirmou que “velamos polos consumidores” e que os apagóns destes días non eran nada comparados cos que había en tempos do ‘bipartito’. Así, dixo, nos 77.000 quilómetros de rede eléctrica que hai en Galiza houbo estes días 180.000 puntos de subministro afectados. “Cando gobernaban vostedes eran 500.000”, aseverou. O mandatario cargou contra o BNG (“tentan intoxicar a sociedade, pero non cola”) e volveu recuperar outro dos seus argumentos favoritos: acusar o BNG de apoiar o goberno Zapatero e endosarlle os nacionalistas todo o relativo a aquela época. Como o AVE.

Ataques

BNG e En Marea preguntaron Núñez Feijóo polo novo retraso do AVE. A defensa que empregou este baseouse en dous puntos: que gran parte dos retrasos se debían aos gobernos de Zapatero e que PSOE e Podemos propiciaron un ano de incertidume gubernamental que volveu retrasar o AVE. Aquí houbo pullas para En Marea, aos que acusou de pedir explicacións sobre a alta velocidade cando, dixo, teñen afirmado no Parlamento que é “un negocio e un despilfarro” ou ben “clasista e centralista”. Luis Villares instouno a deixar de “enganar a súa propia cidadanía”, acusándoo de renunciar a “comportarse como presidente de Galiza”.

Fernández Leiceaga (PSdeG) preguntou na sesión de control sobre a industria auxiliar do automóbil, advertindo de que un sector tan importante para a economía galega estaba a rexistrar un proceso de deslocalización, nomeadamente cara ao norte de Portugal. “Nos últimos tres anos Portugal triplica os incentivos para a industria auxiliar do motor”, afirmou. Feijóo dixo que en 2016 este sector aumentou en empregos e facturación, para alén de asegurar que a automoción ten en Galiza “o futuro asegurado nos vindeiros 10 anos”. 

Comentarios