Juárez marcha para China após un mandato polémico no que foi acusado de "represor"

O Delegado do Goberno en Galiza deixará nos próximos días o seu posto para ocupar un de representación agrícola estatal en Pequín, o que lle permitirá abandonar un cargo no que destacou pola teima contra o nacionalismo e a militancia contra os despexos.

Samuel Juárez
photo_camera Samuel Juárez

Samuel Juárez, puro representante do estilo de PP que chegou ao poder galego da man de Feijóo, deixará o seu posto actual como Delegado do Goberno en Galiza, tal e como se coñeceu este sábado, cando se fixo público que o que tamén foi conselleiro da Xunta obtivo un cargo diplomático en China, concretamente en Pequín e relacionado coa agricultura.

Unha marcha na Coruña chegou a xuntar a 3.000 persoas solicitando a súa dimisión

Nos próximos días o Consello de Ministros asinará o seu traslado e, o que semella máis importante, a identidade da persoa que o substitúa. Porque non foi, para nada, o de Juárez un mandato tranquilo, posibelmente tampouco así o quixo. Até movementos sociais chegaron a organizar unha manifestación na Coruña que reuniu a 3.000 persoas, síntoma evidente do mal vista que estaba a súa xestión. 

Intentou relacionar aon BNG coas bombas e foi moi duro contra a militancia contraria aos desafiuzamentos

Foi Juárez acusado de “represivo” pola esquerda e, sobre todo, polo nacionalismo, que se converteu na súa diana preferida, constantemente obsesionado con relacionar ao BNG cos ataques con explosivos do que se coñece como Resistencia Galega, grupo que mesmo alcanzou grande notoriedade a nivel estatal, o que lle deu grande repercusión en certos foros á figura do Delegado do Goberno en Galiza, talvez agora premiado por esa teima mediática. O Bloque solicitou en varias ocasións a súa marcha.

Tamén foi o seu tramo político o do incremento da protesta social e, ao tempo, da represión contra todo tipo de resistencia, por suposto pacífica, como ben saben @s moit@s activistas contra os desafiuzamentos que tiveron que pasar polo xulgado a petición de Juárez, que deixa o cargo pero tamén multas e duros recordos. E unha herdanza complicada. Que está por ver quen recolle.

Comentarios