Un dos líderes de Podemos pensa que “a cuestión catalá debe decidila toda España”

Errejón defende que o futuro político de Catalunya debe pasar por “un pacto común” de carácter plurinacional.

errejon-crop
photo_camera Errejón

Xunto a Juan Carlos Monedero e Pablo Iglesias como cara máis visíbel, Íñigo Errejón foi a terceira persoa que máis poder decisorio amosou dentro da dirección que levou a Podemos a un importante éxito electoral nas pasadas eleccións europeas, cuxa potencialidade non parou de medrar desde entón, segundo as enquisas. Porén, a primeira asemblea da formación, que comezou a pasada fin de semana e remata esta con votacións dixitais, deixou ver fendas, que tamén se traducen nos discursos ideolóxicos, como por exemplo os referentes ás cuestións nacionais dentro do Estado. Nese apartado é onde Errejón recolleu críticas, ao asumir un discurso moi na liña sistémica sobre a soberanía de Catalunya, que considera cuestión de “todos os españois”. 

O dirixente achegado a Pablo Iglesias cre que con outra Constitución o sentimento independentista será moi reducido

“Se [sobre o referendo e a independencia de Catalunya] hai diferenzas moi grandes entre o que din os círculos en Catalunya e o que di a dirección estatal, podemos submeter isto á decisión de todos os españois inscritos en Podemos. En principio, pensamos que a decisión sobre a cuestión catalá non é só catalá, é tamén española. E non é porque non recoñezamos o dereito a decidir: o que pase terán que decidilo os cataláns, como o decidiron os escoceses. Dixemos que queremos construír un país plurinacional, porque España é un país plurinacional, e querémolo construír con todos, pero o pegamento ten que ser a sedución, o pacto común”, afirma Errejón.

O dirixente de Podemos tamén considera que cunha nova constitución española, o sentimento independentista de Catalunha baixará moitos puntos e será minoritario a respecto do unionista. 

Comentarios