López Orozco volverá ser candidato en Lugo a pesar da súa imputación

O alcalde do PSOE está no centro da Operación Pokémon pero anunciou de forma pública que intentará a reelección malia a súa perda de popularidade e grazas ao apoio de Besteiro.

López Orozco, alcalde de Lugo
photo_camera López Orozco, alcalde de Lugo

O alcalde de Lugo, o socialista Xosé López Orozco, anunciou que se presentará á reelección nas próximas eleccións municipais e destacou que segue "coas mesmas ganas que ao principio". Así o anunciou nunha comparecencia ante os medios na Praza Maior de Lugo, acompañado de membros da executiva do PSOE lucense. "Nunca escapei dos problemas", afirmou o rexedor, que está imputado na Operación Pokémon, nun escándalo que atinxe directamente ao seu goberno e a persoas que foron da súa máxima confianza. A maiores, goberna sen apoios fixos, con cada vez máis constantes achegamentos ao PP.

Desgaste

Orozco, que chegou a recoñecer publicamente que mediou como alcalde para buscarlle traballo a determinadas persoas coñecidas, leva quince anos na alcaldía, e na actualidade pasa polo seu peor momento en canto a apoio, tanto pola súa imputación como polo desgaste da formación na que milita debido ás súas políticas durante a crise. Porén, conta co apoio total do líder do PSOE en Galiza, o presidente da Deputación José Ramón Gómez Besteiro.

Comentarios