Máis de 13.000 persoas participaron na segunda vaga de consultas independentistas en Euskal Herria

Os referendos populares decorreron en 17 concellos vascos das comarcas de Busturialdea e Arrigorriaga.

Gure esku dago euskal herria consulta

Máis de 13.000 persoas tomaron parte este domingo nas consultas populares impulsadas e organizadas en 17 concellos pola propia veciñanza para defender o dereito a decidir dos vascos sobre o futuro do seu país. Desta volta, os referendos tiveron lugar en municipios de Bizkaia, collendo o relevo das consultas que en xaneiro tiveron lugar en 34 concellos de Gipuzkoa.

Nesta segunda vaga podían votar os 47.000 veciños maiores de 16 anos deses municipios das comarcas de Arrigorraga e Busturialdea, concellos como Gernika ou Bermeo, entre outros. Máis de 13.000 fixérono, o 28,25% dos convocados. Ente as persoas que acudiron a votar, a inmensa maioría fíxoo a favor da independencia de Euskal Herria (95%).

Desde a plataforma organizadora, Gure Esku Dago, destacaron a importancia de ir avanzando neste tipo de iniciativas, estendéndoas polas diferentes comarcas vascas e implicando á sociedade. 

Comentarios