Mais de 20.000 galeg@s levan até 2 anos esperando a cobrar as indemnizacións por despedimento

O Fondo de Garantía Salarial (Fogasa) acumula máis de 14.000 expedientes sen resolver, denuncia o BNG.

Perto de 21.000 persoas en Galiza levan até dous anos esperando a cobrar as indemnizacións por despedimento que debe abonar o Fondo de Garantía Salarial (Fogasa), un fondo que acumula máis de 14.000 expedientes sen resolver. O BNG denunciou no Parlamento de Galiza esta situación. A parlamentar Montse Prado dixo que Fogasa tarda ata dous anos en pagar a porcentaxe do 40% que lle corresponde asumir das indemnizacións, ao que hai que engadir os meses de tramitación previos.

“21.000 galegos e galegas desesperadas porque ao drama de ter perdido o seu emprego se suma que non cobran as indemnizacións que lles pertencen, non poden afrontar o pago da hipoteca, nin facer fronte ás débedas que lle reclama a mesma Facenda pública que lles debe diñeiro, non poden nin comprar comida”, denunciou Prado.

A deputada non considera “inocente” que o Fogasa faga unha dobre tramitación cando a empresa non asume a porcentaxe de indemnización que lle corresponde, porque é unha maneira de “maquillar” o déficit. “Prefiren presumir de obxectivo do déficit por riba do dereito a comer da clase traballadora e a costa de afundila na miseria”, criticou.

Comentarios