BIEITO LOBEIRA, SECRETARIO DE ORGANIZACIÓN DO BNG

"Recibiremos cos brazos abertos as forzas estatais que rachen con Madrid"

Entrevistamos Bieito Lobeira, secretario de organización do BNG, para coñecer a proposta de candidatura dos nacionalistas para as eleccións xerais e cal será o futuro das tres Deputacións onde negocian un pacto de goberno cos socialistas. 

LOBEira BNG


O Consello Nacional do BNG vén de ratificar a proposta de candidatura con personalidade xurídica propia. Cal é o seu significado?

Detrás da proposta hai un obxectivo político. Aspiramos a recoller toda a potencialidade que ten Galiza, non só de formación políticas, tamén de persoas sen ningún tipo de afiliación e colectivos sociais.  Queremos conformar unha grande candidatura nacional galega de unidade que teña como fin a defensa dos intereses do noso país e das aspiracións democráticas como o dereito a decidir e a soberanía.

Que posibilidade de encontro existen con forzas estatais como Podemos e IU?

Gustaríanos que a pregunta se lles formulara a eles. Hai forzas políticas de ámbito estatal dispostas a rachar cos seus lazos de dependencia a respecto de Madrid? Para defender con coherencia os dereitos do pobo galego, das súas clases traballadoras? Porque de ser así recibiriámolos cos brazos abertos. Pero non estamos dispostos a resignarnos a ser graneiro de votos para unha estratexia de Madrid, parta de Génova, de Ferraz ou da Complutense. 

Hai quen di que iso exclúe algunhas sensibilidades.    

Non existe ningún tipo de exclusión. Calquera persoa, colectivo ou formación que acredite na necesidade que o pobo galego teña unha representación propia, de seu, non supeditada a ninguén; adiante, teñen o seu lugar nesta candidatura. O que non imos é pedir permiso a Madrid ou negociar para ver como se vai chamar o formular unha candidatura galega. Non o imos facer nin con Podemos, nin con IU nin con ninguén. Esa é a decisión chave. Galiza é un suxeito político propio, polo que a candidatura electoral ten que ser coherente con ese principio. Non aspiramos a ser un guión detrás de ningunha formación española.

"Non aspiramos a ser un guión detrás de ningunha formación española".

Liderará o BNG esa candidatura?

Non buscamos hexemonizar nada, vai ser parte dun proceso social. O noso capital político, a nosa experiencia e a nosa organización poñémola ao servizo dun obxectivo político irrenunciable: que Galiza como pobo teña unha presenza significativa nas Cortes do Estado que lle permita defender por si mesma os seus propios intereses. Tamén para marcar liña e ser protagonista dun contexto que prevemos de debilidade a respecto da organización territorial do Estado. Para nós é unha incógnita o que pasará con Catalunya. Pero sabemos que calquera debate que se abra, Galiza ten que estar presentes, ser actora e non espectadora. 

Cales serán os seguintes pasos na formulación desa candidatura?

A nivel interno imos tomar unha decisión definitiva, democrática, asemblearia e colectiva. Repetir a fórmula das europeas coa realización de asembleas e votacións simultáneas nas comarcas, que permite un maior grao de participación e onde calquera poda presentar propostas alternativas. Deste Consello Nacional sae unha proposta política e os milleiros de militantes do BNG decidirán se referendan isto. Polo debatido nas asembleas abertas pensamos que vai en sintonía co sentir maioritario da organización. Pero será firme cando as asembleas comarcais tanto dentro do país como fóra decidan. Unha parte importante do noso pobo está na emigración, pero tamén vai ser protagonista. Imos convocar asembleas en Madrid e Barcelona, Suíza, Reino Unido, Alemaña, Irlanda, no Brasil, Venezuela ou Arxentina, inclusive en Australia. En todos os sitios onde o BNG ten estrutura. 

E despois?

A partir de aí cónstanos que existen pulsións dentro da sociedade galega, de persoas sen filiación política, que están dispostas a dar un paso adiante. Xa dixemos que estamos dispostos a renunciar ás nosas siglas nas xerais para poñernos ao servizo desa causa, dese obxectivo político de candidatura nacional.

"Dános a impresión que algúns deles están esperando a ver que fai Podemos"

Houbo xa contactos con outros partidos?

Xa tivemos algúns contactos con persoas, colectivos e formacións. Dános a impresión que algúns deles están esperando a ver que fai Podemos. Con independencia diso, nós imos tirar para adiante. Quen queira sumar, a nosa man estará tendida. 

Que vai pasar na Deputación de Lugo? O PSOE insiste no seu candidato malia estar imputado e o BNG xa dixo que non o apoiará.

Vai depender do PSOE. Nós dicimos que non por estar imputado e porque non estamos dispostos a aceptar posicións unilaterais. O pleno vai ser este mércores. Ou o PSOE move ficha ou claramente o BNG votará por si mesmo. E alá cada quen coas súas decisións. Non imos contribuír a confundir máis á sociedade e a fortalecer as Deputacións. De ter un acordo político pasa por unha transformación profunda das deputacións.

"Quero pensar que a Marea Atlántica prefire un presidente do Bloque [na Deputación da Coruña] que do PSOE"

Entendería a vosa base social que se deixe gobernar o PP?

Que o PSOE asuma a responsabilidade. Se o PP ten a presidencia en Lugo é responsabilidade do PSOE por non acadar un acordo político sobre a funcionalidade das Deputacións. Non para o reparto de áreas. Desde o primeiro momento mantivemos unha posición coherente e non estamos dispostos a enrugarnos. De todas formas, hai veces onde a diferenza entre PP e PSOE son difíciles de entender.

"Ou o PSOE move ficha ou claramente o BNG votará por si mesmo na Deputación de Lugo"

Aspirades á desaparición das Deputacións. É viábel a curto prazo?

Non, pero mentres hai moitas cousas por facer con arranxo ao marco legal, como o adelgazamento e transferencia de funcións á Xunta e aos concellos. Ou acabar coas políticas de distribuír millóns de euros de xeito arbitrario. No 2014, en subvencións nominativas, quer dicir a dedo, repartíronse 27 millóns de euros na Coruña. Iso é un escándalo. O presidente non pode ter un orzamento propio para desviar cartos ao que lle dá a gaña. 

Presidirá o BNG a Deputación da Coruña?

Na Coruña temos unha correlación de forzas específica e o BNG aspira claramente á presidencia como mellor garantía de que este proceso de transformación profunda non sexa aparencial. Quero pensar que a Marea Atlántica prefire un presidente do Bloque que do PSOE. De ser así, teríamos máis capacidade para poñer en marcha estas políticas. Non estamos a falar tanto de quen ten que ser o presidente ou presidenta, senón para que serven as Deputacións. Estamos na perspectiva estratéxica de que desaparezan, e entendemos que o PSOE está noutra posición. Pero en todo caso hai un punto intermedio que é baleiralas de contido.

Que funcións debería conservar ou conservaría na vosa proposta?

A Deputación ten que emprazar nos primeiros 100 días de goberno a unha negociación coa Xunta para a transferencia de centros hospitalarios, centros de investigación agraria, de asistencia a terceira idade, redes viarias e estradas... Centros que sendo da deputación teñen a ver con competencias da Xunta. Rematar co reparto de fondos a dedo e establecer un baremo obxectivo -en función da poboación, da dispersión, da superficie e outros factores- que beneficie a todos os concellos da provincia. Temos claro que casos como as touradas en Pontevedra, que fanse porque a Deputación lle daba cartos, teñen que desaparecer. 

 

Comentarios