A oposición critica a viaxe "insubstancial" de Rueda a América Latina

O PP defende que era "necesaria".
Alfonso Rueda participou este domingo dun acto en Montevideo, Uruguai. (Foto: Xunta)
photo_camera Alfonso Rueda participou este domingo dun acto en Montevideo, Uruguai. (Foto: Xunta)

A oposición galega censurou esta segunda feira a viaxe oficial por América Latina do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao considerar que é "insubstancial", en palabras da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e que "o esperábel" sería que fose a Bruxelas para facer fronte ao veto imposto a parte da frota galega, segundo o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez.

Cuestionada por xornalistas sobre este asunto, Pontón, en rolda de prensa, criticou que a visita de Rueda "non soluciona ningún tipo de problema aos emigrantes", é "insubstancial" e "ten máis de promoción persoal" do titular do Goberno galego.

Pola súa parte, noutra comparecencia e tamén a preguntas dos medios de comunicación, Álvarez viu "ben" que Rueda vaia "onde considere pertinente", se ben engade que "o normal neste caso, desde o punto de vista do esperábel, é que fose a Bruxelas a defender os pescadores" galegos.

"Xa sabemos que esa visita non ía facer per se que se cambiase a decisión" da Comisión Europea, avisou, mais a continuación censurou a "grotesca minusvaloración" do secretario xeral do PSdeG por parte dos populares ao facer unha relación "causa-efecto" da súa visita e a adopción da prohibición por parte das autoridades comunitarias.

"O noso non é ridiculizar, é tratar de facer propostas", resolveu o portavoz dos socialistas galegos na Cámara, antes de concluír que está "ben" que "o señor Rueda vaia a Arxentina, Uruguai, etcétera", mais existe "outra prioridade", na súa opinión, en Bruxelas.

O PP considera "necesaria" a viaxe

Con todo, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, respondeu ás críticas da oposición en relación á viaxe do presidente defendendo a necesidade de que a colectividade emigrante "saiba que a comunidade galega está ao seu lado" e que "forman parte" dela.

"Que un presidente da Xunta viaxe pouco despois da súa toma de posesión a coñecer a colectividade galega non só é unha magnífica idea, senón que é necesario", resumiu Puy, a preguntas dos medios.

Comentarios