Anuncia unha xira polo Estado para recuperar o PSOE

Pedro Sánchez renuncia á acta de deputado

Pasadas as 12.30h deste sábado, Pedro Sánchez, ex secretario xeral do PSOE, comparecía perante a prensa para anunciar a súa renuncia como deputado para evitar votar na segunda sesión que investirá Mariano Rajoy como presidente do Goberno.

Pedro Sánchez PSOE

Pedro Sánchez renuncia á súa acta como parlamentar. Así o anunciou na mañá do sábado, horas antes de que comece a segunda sesión de investidura no Congreso. O ex líder do PSOE enfrontábase a unha situación complicada: absterse e renunciar así ao principio do “non é non” ao PP ou manterse nese “non” e desobedecer, en consecuencia, o máximo órgano de decisión do PSOE.

O ex secretario xeral da formación socialdemócrata e quen fora candidato á Presidencia do Goberno español opta, así, por evitar posicionarse após o Comité Federal do PSOE decidira o pasado domingo a abstención para permitirlle a Rajoy recuncar como presidente do Goberno.

O que fora candidato do PSOE sinalou que adoptou a decisión porque está "en profundo desacordo con facilitarlle o Goberno a Rajoy" e porque non quere "rachar a confianza" que depositaron nel millóns de votantes e militantes.

"A partir da segunda feira, collo o meu coche para percorrer de novo todos os recunchos do Estado español"

Volver comezar

Na comparecencia perante a prensa, Pedro Sánchez asegurou que quere "volver comezar" na política "como un militante máis". "A partir da segunda feira, collo o meu coche para percorrer de novo todos os recunchos do Estado español e escoitar a quen non foron escoitados", salientou.

Nesta liña, advertiu de que a xestora que dirixe o PSOE debe poñer "data, hora e lugar" para o congreso extraordinario ao que se quere presentar. A súa intención, afirmou, pasa por devolverlle á militancia "un PSOE autónomo e afastado do PP".

A segunda sesión, nunhas horas

Tal e como se prevía, o Congreso desbotou a quinta feira a investidura de Mariano Rajoy na primeira volta. O presidente do Goberno en funcións necesitaba a maioría absoluta (176 votos) e só obtivo o apoio dos 170 representantes do PP, C’s e CC, mentres que os 180 parlamentares restantes votaron en contra.

Fica por ver que deputados e deputadas da formación socialdemócrata romperán a disciplina de voto e votarán en contra

O pleno en que Rajoy será investido presidente por maioría simple e coa colaboración do PSOE encetará ás 18.30h. Fica por ver que deputados e deputadas da formación socialdemócrata romperán a disciplina de voto e votarán en contra.

Rajoy disporá de 10 minutos para defender a súa investidura e os grupos exporán a súa posición durante 5 minutos cada un. Prevese que o líder do PP tome posesión do cargo o domingo ou, como tarde, a segunda feira.

A proclamación de Rajoy como presidente porá punto e final a case un ano de goberno en funcións e comezará un novo período en que terá que depender dos acordos con Ciudadanos e co PSOE para gobernar.

Comentarios