Podemos decidirá en outubro a súa aposta para as municipais

Pablo Echenique defende que a participación da forza nos comicios locais “dependerá de cada sitio”. En Galiza hai opinións enfrontadas dentro de Podemos.

O eurodeputado de Podemos Pablo Echenique afirmou que o partido en constitución pronunciarase en outubro, após a súa asemblea constituínte en Madrid, sobre a súa presenza nas eleccións municipais, tamén autonómicas en determinados territorios do Estado.

En declaracións aos medios de comunicación, anunciou que hai uns días presentou, xunto cun equipo de colaboradores, unha proposta de principios organizativos para a citada asemblea, que vai ter lugar na segunda quincena de outubro, e que se publicaron na plataforma 'Praza Podemos'. El forma parte do grupo que pide que a portavocía sexa exercida por varias persoas, non por unha soa.

División

Nese mes, remarcou, "decidiremos a organización a nivel autonómico, e levarase aos municipios". En concreto, a respecto das eleccións municipais, Echenique estimou que a presenza de Podemos dependerá "de cada sitio", o que deixa aberta a participación da forza que lidera Pablo Iglesias nas Mareas e outras candidaturas semellantes que se están formando na Galiza. Dirixentes de Podemos xa afirmaron a súa preferencia por presentar listas propias e non integrarse, malia que existe división interna sobre ese asunto.

Comentarios