O PP di non á proposta do BNG de modificar a lei que discrimina fiscalmente os emigrantes retornados

Máis de 2.000 persoas manifestáronse en apoio do colectivo, que entregou no Parlamento 35.000 sinaturas pedindo á fin da “discriminación”.

emigrantes retornados

O Partido Popular dixo que non e impediu que o Parlamento aprobase unha modificación da Lei 35/2006 do IRPF co obxectivo de acabar coa discriminación fiscal que sofren 200.000 emigrantes retornados en Galiza, obrigados a tributar a partir duns ingresos de 11.200 euros anuais, mentres o resto dos xubilados que perciben pensións da seguridade social estatal non teñen a obriga de tributar con ingresos inferiores aos 22.000 euros. E dixo non mentres ás portas do parlamento centos de emigrantes retornados se concentraban pedindo “xustiza” e entregaban máis de 30.000 sinaturas en apoio das súas demandas.

O veto do PP impediu prosperar esta iniciativa impulsada polo BNG. “Pese ao veto do PP, imos seguir loitando con vós nas rúa e no Parlamento, aquí e en Madrid, para evitar que os nosos emigrantes retornados sexan discriminados polo Ministerio de Facenda e pola Axencia Tributaria”, proclamou a parlamentar Tereixa Paz.

Maleta a Feijóo

Durante o debate, Paz fixo entrega a Feijóo dunha maleta como símbolo da emigración, “por encargo das persoas que están ai fora loitando polos seus dereitos”, maleta na que previamente transportaran a documentación acreditativa das 30.000 sinaturas que entregaron no rexistro da Cámara.

Non son defraudadores, os defraudadores están máis relacionados coa Rúa Génova que coas aldeas deste país”, salientou a deputada Tereixa Paz, durante a defensa da iniciativa lexislativa. “Se Galiza tivese competencias propias en materia tributaria, hoxe os emigrantes galegos retornados non estarían sendo acosados por Facenda”, rincidiu.

Antes do debate no parlamento, centos de persoas tomaron parte na manifestación convocada pola Coordinadora Galega de Emigrantes Retornados. As persoas participantes percorreron as rúas da capital de Galiza entre a Alameda e o Parlamento nun ambiente reivindicativo.

Comentarios