O PP foi a única formación representada no Parlamento galego e que se posicionou en contra da proposición non de lei do BNG que pedía a reprobación do acordo de Vox, PP e Ciudadanos na Asemblea de Madrid a favor da ilegalización de formacións independentistas e soberanistas.
O deputado do BNG Luís Bará afirmou que o PP goberna coa “ultradereita” aprobando medidas en contra dos dereitos das mulleres e a democracia pero tamén en Galiza están introducindo os “cabalos de Troia, fascistas, de ultradereita e machista cando pola porta de atrás falan do veto parental ou o inexistente síndrome de alienación parental”.
Bará reiterou que a “democracia é máis grande que España” pero ao Partido Popular parece que lle costa entendelo e preguntou de que lado están, en contra ou “ do lado da democracia e do autogoberno de Galiza tamén cuestionados por esas forzas coas que pacta o Partido popular”.
Após agradecer o apoio dos grupos parlamentarios da oposición, o deputado nacionalista lamentou o voto en contra do e asegurou que con este proceder, o PPdeG “queda retratado”.