O PP tomba as emendas da oposición de devolución dos orzamentos

Insiste na defensa dunhas contas que cualifica de “expansivas” mentres BNG, En Marea e PSdeG repróchanlle que non se adecúan á realidade do país. O conselleiro anuncia no pleno a convocatoria de 3.000 prazas de emprego público.

Parlamento de Galiza
photo_camera Parlamento de Galiza

O PP cumpriu co guión que el propio anunciara e botou abaixo as emendas de devolución dos orzamentos presentadas por BNG, En Marea e PSdeG. Contra a maioría absoluta dos populares de pouco valeu (cuantitativamente falando) que entre as forzas da oposición se apoiasen unhas a outras á hora de votar esas emendas. O PP anunciara rolete e houbo rolete. Haberá que ver agora se cambia de actitude a respecto das emendas ao estado de gasto e acompañamento, por volta de mil e que propoñen reorientar uns dous mil millóns de euros.

Valeriano Martínez, conselleiro: "“Temos feito moito pero resta moito por facer”

O conselleiro de Facenda, Valeriano Gómez, defendeu uns orzamentos que cualificou reiteradamente como “expansivos”, sinalando que son os acaídos para axudar a un escenario no que a economía galega poida incrementarse neste ano nun 2,5% e crear 20.000 empregos.  Uns postos de traballo dos que 3.000 corresponderían ao sector público pois o conselleiro anunciou que a Xunta prevé ofertar este ano unhas 3.000 prazas de emprego público. Aliás, Insistiu en que as contas  eliminan impostos, reducen o déficit, incrementan os investimentos e reforzan o gasto social.

Ana Pontón (BNG): "Estes orzamentos son como unha labazada na cara das persoas que seguen padecendo unha crise que non provocaron e, ao tempo, demostran que o Goberno carece de ambición de país

“Orzamentos da desesperanza”

Unha visión totalmente diferente á do conselleiro foi a das formacións da oposición. Para BNG, En Marea e PSdeG, os orzamentos que presenta a Xunta non son os acaídos á realidade de Galiza, de aí que solicitasen a devolución dos mesmos. “Son os orzamentos da desesperanza e continúan coas vellas políticas que nos trouxeron ata o pozo no que aínda está unha maioría social”, denunciou a portavoz nacionalista, Ana Pontón.

Para o BNG as contas “son fillas da austeridade e consolidan os recortes en servizos públicos e prestacións sociais, e supoñen seguir instalados na precariedade laboral, na emigración e no aumento do paro negou que se traten dunha contas expansivas, “cando o único que se expande é o pago da débeda” cun incremento do 14%, cinco veces máis ca subida media dos orzamentos. Tampouco considera crible a cifra de creación de emprego ademais de reprocharlle ao Goberno que prevea un descenso da taxa de paro grazas a unha caída da poboación activa.

Luis Villares (En Marea): "Nestes orzamentos todo baixa agás a débeda e a reserva de Vega Sicilia que Feijóo ten na súa casa"

“Non atenden a necesidades básicas”

Para Luis Villares, de En Marea, os orzamentos presentados polo goberno galego deben ser devoltos. “Quero uns orzamentos que sirvan para recuperar os dereitos perdidos, non para ser mansos cos poderes económicos”, manifestou. Denunciou que nas contas para 2017 “todo baixa agás a débeda e a reserva de Vega Sicilia que Feijóo ten na súa casa” e criticou que non atendesen a necesidades básicas da xente nun escenario de aumento da desigualdade.

Son uns orzamentos, dixo, antisociais e neoliberais que só traerán máis recortes en agsto público e maior sufrimento. “A crise foi empregada polo PP para destruír o estado de benestar e crear o estado de malestar”, denunciou. Nesta liña, acusou o goberno do PP de “infrinxir unha dor innecesaria” en campos como o da sanidade, na que “denegaron medicamentos a efermos de hepatite C para cadra as contas”.

Fernández Leiceaga (PSdeG): "As súas políticas provocaron unha crise máis fonda"

Erros

Para o portavoz do PSdeG no Parlamento de Galiza, Fernández Leiceaga, as contas reflicten unha política económica “conformista”, unha política fiscal “incorrecta” e unha política tributaria que non é a xusta. Leiceaga acusa Feijóo de ser responsábel coas súas políticas de provocar unha “crise máis fonda e destruír máis emprego” por estar “fascinado pola austeridade”.

De por parte, Pedro Puy (PP) defendeu os orzamentos e criticou as propostas realizadas pola Oposición pois, dixo, ameazan a sostibilidade e os servizos públicos. Considera que as contas que presenta o goberno son “boas para a situación actual de Galiza”

Comentarios