O PPdeG considera que a reforma electoral de Rajoy aconsella ‘’acordo’’ mais non a de Feijóo

O portavoz parlamentar popular, Pedro Puy, di que o ‘’alcance’’ da proposta de que goberne a forza máis votada remonda ‘’algún tipo de acordo’’ mais defende que o proxecto de reducir os escanos no Parlamento galego saia adiante só co apoio do PP.

Pedro Puy
photo_camera Pedro Puy

O alcance e as consecuencias da reforma electoral que impulsa o PP español para que as alcaldías sexan para a forza máis votada, ‘ilegalizando’ así posíbeis coligazóns, merecen algún tipo de acordo con outras forzas. Así o entende o portavoz do PPdeG no Parlamento galego, Pedro Puy. Esta proposta impulsada por Mariano Rajoy conleva “unha alteración significativa do funcionamento do sistema de partidos consolidado en 30 anos de democracia e porque as eleccións están próximas”. Por iso, sostén Puy, é recomendábel e aconsellábel atinxir “algún tipo de acordo”, mais sen espicificar máis.

Porén, Puy xustifica que a reforma impulsada polo PPdeG para reducir de 75 a 61 o número de escanos do parlamento de Galiza poda saír adiante unicamente co apoio do partido popular pois entende que esta reforma “non altera” os resultados.

Perder o poder municipal

A oposición volveu insistir en que a reforma electoral impulsada polo Partido Popular para variar a lei electoral a escasos meses dos comicios municipais é unha agresión á democracia.

Así, Francisco Jorquera, portavoz parlamentar do BNG, afirmou que con esa reforma os populares “queren manter nas institucións o que perderon na sociedade” e reiterou que o PP procura un “pucheirazo legal”.

Pola súa banda, Yolanda Díaz, vice-portavoz de AGE, considera que con esta proposta fica evidente que o PP “amosa debilidade” porque “sabe que ten perdidas as eleccións nas cidades” por iso quer variar a lei.

Comentarios