A presión de Besteiro e Madrid obriga a Caamaño a renunciar ao seu cargo no PSOE

O secretario xeral do PSdeG consigue, co apoio de Ferraz, que o ex-ministro convoque primarias da formación na provincia da Coruña, ás que non se presentará. Ao tempo, avala que o imputado Orozco sexa candidato de novo.

caamaño
photo_camera Caamaño

Non acougan as batallas internas no PSOE, que teñen varias frontes, as principais Ourense, algo Vigo e a provincia da Coruña, onde as presións do secretario xeral d@s socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, acabaron tendo éxito e, coa axuda de Ferraz que enviou mensaxes contundentes, conseguiron facerse cunha peza que levaban tempo buscando.

Porque o secretario provincial do PSOE en A Coruña, Francisco Caamaño, anunciou que se convocarán primarias na agrupación que lidera para elixir unha nova executiva provincial e que el non se presentará a este proceso. Ou sexa, que o deixa, tal e como lle esixía o aparato. Algo ao que el se negaba, mesmo denunciando xogo sucio por parte da dirección. Até que cedeu.

Ferraz ameazaba coa constitución dunha xestora, algo que non ocorrerá despois de que Caamaño aceptase a renuncia que lle esixían

O ex-ministro anunciou a decisión -vinculada tamén ás leas da cidade da Coruña ou Compostela de cara ás primarias- nunha rolda de prensa na que explicou que se convocará un comité provincial "como é procedente" para "aprobar o regulamento" e as "datas do proceso". "Nin hai dimisións nin hai, por suposto, xestoras; hai primarias", apuntou o deputado autonómico socialista, en referencia á intención de Ferraz que destituílo e formar unha xestora. Non será necesario.

Pero as disputas internas no PSOE galego, continúan. E, por exemplo, en sectores críticos con Besteiro non gustou nada que avalase que o alcalde de Lugo, López Orozco, se presente á reelección malia estar imputado coa Pokémon. Namentres, Caamaño ten que marchar, case obrigado.

Comentarios