O PSdeG podería convocar primarias antes de xuño

A xestora marca a "folla de rota" do proceso que elixirá a próxima secretaría xeral após a demisión de Besteiro.

Pilar Cancela_PSdeG
photo_camera Pilar Cancela [Imaxe PSdeG]

Pilar Cancela, presidenta da xestora que dirixe o PSdeG logo da demisión de José Ramón Gómez Besteiro á fronte da secretaría xeral, anunciou en comparecencia de imprensa na segunda feira (28 de marzo) que están a deseñar a folla de rota da organización cara ás eleccións primarias coas que renovarán a responsabilidade. 

Pilar Cancela desbótase como candidata: "Neste momento non está para nada no meu pensamento"

Neste senso, asegurou que poderían convocarse "previsibelmente" antes do mes de xuño e nesa carreira, desbotouse como posíbel candidata embora ser un dos nomes que se manexaban para coller o testemuño de Besteiro. "Neste momento non está para nada no meu pensamento", asgurou Cancela quen animou á militancia do PSdeG a "dar un paso adiante" con "total liberdade" antes mesmo de que sexa aprobado o calendario de primarias. 

"Estaremos preparados" perante un eventual adianto electoral, dixo

Segundo Pilar Cancela, as datas marcaranse e "estaremos preparados" perante un hipotético adianto electoral. A respeito do condicionamento por parte da dirección española nos ritmos da federación galega a presidenta da xestora asegurou que "os retos que ten Galiza nestes momentos fan que o PSdeG marquen a súa folla de rota quizais con máis forza". 

En calquera caso, insistiu en que o partido "estará preparado para calquera das datas que o señor Feijóo se lle ocorra presentar". "Se hai adianto estaremos preparados", subliñou. 

Comentarios