Rajoy ratifica Cospedal: "Cámbiase o que non funciona"

Ratifícaa como secretaria xeral embora a oposición dun sector non pequeno do partido e as denuncias de ‘pucheirazo’ na emenda de acumulación de cargos e que provocou xa dúas dimisións. Mais Rajoy ponlle ao lado Fernández Maíllo, para quen recupera o cargo de coordinador xeral. 

PP Mariano Rajoy
photo_camera Imaxe: PP

Dolores de Cospedal continuará como secretaria xeral do Partido Popular. Así o anunciou Mariano Rajoy este sábado no 18 Congreso do PP, que decorre en Madrid desde a sexta feira e que finaliza o domingo. O presidente dá o seu apoio así a Cospedal, no albo de non poucas críticas estes anos por parte dun sector do seu propio partido. “Cámbiase o que non funciona”, afirmou Rajoy após enumerar o nome das persoas que integran a súa proposta para o comité executivo popular.

Cospedal, pois, compatibilizará os postos de secretaria xeral e de ministra de Defensa, algo que provocou nestes meses non pouco malestar en certos sectores do PP. Unha mostra, que a votación da coñecida como ‘moción anti-Cospedal’ (sobre acumulación de cargos) foi rexeitada por só 25 votos. Provocou ademais 2 demisións, Rogelio Pardo e Pedro J. Hidalgo, que denunciaron “fraude democrática” e “pucheirazo” nesa votación.

Mais Cospedal non vai ten tanto poder como até de agora. Rajoy recuperou a figura de coodinador xeral, que asumirá algunhas competencias, e que será ocupado por Martínez Maíllo.

Na nova comisión executiva o Partido Popular de Galiza pon seis membros: Ana Pastor, Pilar Rojo, Javier Dorado, Millán Mon, Miguel Tellado e Barreiro. Núñez Feijóo, na súa intervención neste !8 Congreso centrouse en poñer paus a unha “financiamento diferente” para Catalunya e defender un modelo de financiamento de café para todos. Dixo que o PP era o partido do “sentido común”, expresión da que tanto gosta o propio Rajoy.

Mariano Rajoy, de por parte, defendeu a xestión feita polo PP nestes anos. “Pensade na vaga de reformas da lexislatura 2011-15. Non ten comparanza”, dixo, ao tempo que cargou contra os que “intentaron a toda costa que non formásemos goberno e non o lograron”.  

Comentarios