IRá A DEBATE AO CONSELLO ESTE SáBADO E áS COMARCAS ENTRE O 3 E O 15 DE FEBREIRO

O relatorio do BNG lanza a iniciativa Máis Alá e aposta nunha "estratexia eleitoral autónoma"

O texto vai ser submetido á consideración do Consello Nacional este sábado 30 de xaneiro. 

XV Asemblea Nacional
photo_camera Un aspecto da XIV Asemblea Nacional. Foto: BNG

O relatorio do BNG a debate na súa XV Asemblea Nacional estrutúrase en tres blocos. O primeiro, a xeito de limiar, analisa a situación xeral. O segundo é unha tese de estratexia política. Fecha a ponencia unha tese de organización.

Repensar o proxecto nacionalista -"actualizar o software", di literalmente o relatorio, ao que tivo acceso Sermos Galiza- é unha das ideas vertebradoras do texto. O BNG, de acordo con esta tese, formula o propósito de esta XV Asemblea Nacional ser o limiar dunha "nova etapa", con "cambios de estratexia" e "novas propostas de actuación".

Esta nova etapa tería como pórtico a XV Asemblea Nacional, mais non ficaría aí. O BNG lanzaría neste conclave unha nova iniciativa de diálogo coa sociedade galega, que leva como nome xenérico Iniciativa Máis Alá, título que remite á "rebeldía, ruptura e vangardismo que inspirou o Manifesto Máis Alá, publicado o 28 de xuño de 1922 por Manoel Antonio e Álvaro Cebreiro". 

A Iniciativa Máis Alá decorrerá ao longo dun ano, ao termo do cal o BNG realizará unha nova asemblea nacional para avaliar o proceso

Máis Alá tería como obxectivos socializar o debate sobre "a estratexia a seguir polo BNG", obter elementos de análise "sobre a percepción social" que existe na Galiza arredor da fronte nacionalista e "definir colectivamente as liñas mestras que permitirán abrir unha nova etapa no proxecto político do nacionalismo".

Será o novo Consello Nacional o que lance a iniciativa, nun prazo non superior aos dous meses a contar a partir do momento en que se constitúa o novo órgao de dirección do Bloque. Despregarase através de asembleas abertas, grupos de discusión, socialización nas redes sociais, espazo web. E decorrerá ao longo dun ano, ao termo do cal o BNG realizará unha nova asemblea nacional, a decimosexta, para avaliar o desenvolvimento do proceso e para tirar conclusións a respeito do rumo que debe seguir o nacionalismo galego.

Asemblea Nacional XIV BNG

O debate, por tanto, está aberto e ten vocación de abranguer o maior número de voces posíbeis. Quen son os destinatarias e destinatorios desta iniciativa? Pois "todas aquelas persoas que se sintan nacionalistas, soberanistas, independentistas, galeguistas ou simplesmente compartan, como galegas, a necesidade de a Galiza ter un instrumento político netamente soberano, sen dependencias de forzas políticas estatais e que actúe na defensa dos dereitos políticos da nosa nación".

A iniciativa xorde da toma de conciencia por parte das persoas autoras do relatorio de que "o BNG ten que repensar a súa acción e o seu discurso político e adaptalo a unha sociedade que experimentou moitos cambios políticos, sociais e demográficos".

A XV Asemblea Nacional do BNG vai decorrer o 28 de febreiro e loxicamente estará moi marcada polo calendario eleitoral, a escasos meses dunha nova convocatoria, neste caso ao Parlamento da Galiza. Destarte, a forma concreta de concorrencia a este proceso eleitoral será un dos temas estrela do conclave.

A este respeito, o relatorio comeza por constatar "o fin do ciclo do Partido Popular" e a existencia dunha "vontade de cambio e de mudanza" entre "amplos sectores do noso pobo". Perante ese cenario, a aposta é clara: o BNG debe "oferecer ao pobo galego unha alternativa política nacionalista e de esquerda que sexa determinante no novo escenario político".

No "plano político-eleitoral" o BNG aposta nun proxecto nacionalista autónomo, "sen subordinarse a ningunha forza estatal"

O Bloque optaría, por tanto, por reafirmar a existencia "no plano político-eleitoral" dun proxecto nacionalista autónomo, "sen subordinarse a ningunha forza política estatal". E que di o relatorio sobre a súa hipotética relación coa Marea galega? Isto: "O BNG entende que as alianzas de IU, Podemos e Anova son lexítimas e respeitábeis, mais encarnan outro proxecto diferente ao noso". A existencia de proxectos estratéxicos distintos non debería ser vista como un problema, máis ben ao contrario: "As diferenzas e a pluralidade política son valores democráticos e desde o BNG non debemos contribuír á dilución da nosa alternativa ou a un proceso que na práctica derive en cambiar o vello bipartidismo por un novo bipartidismo".

O relatorio chama a "desterrar o derrotismo", "estimular a autoestima colectiva" e "confiar no noso pobo". "Debemos optar por unha estratexia eleitoral autónoma que non subordine a nosa alternativa a forzas estatais e que preserve unha alternativa necesaria para mudar a realidade de Galiza", acrecenta.

"O BNG entende que as alianzas de IU, Podemos e Anova son lexítimas e respeitábeis, mais encarnan outro proxecto diferente ao noso"

O obxectivo eleitoral que se marcan as teses a debate é nidio: ter unha "presenza significativa" e contribuír á derrota do PP, entendida esta non como a derrota dunha sigla, senón como a posta en andamento dun "cambio real na Galiza".

Nese cambio, o BNG, sempre nunha perspectiva post-eleitoral, sitúa o campo dos "diálogos" e dos "acordos", concebidos como "valores democráticos que vimos practicando e que deben ser o noso sinal de identidade".

Votos particulares

Segundo puido saber Sermos Galiza, dous votos particulares -partidarios de estabelecer coligazóns "técnicas" e "en pé de igualdade" coas forzas da Marea- foron formulados a este relatorio: un asinado pola integrante do Consello Nacional Alba Nogueira e outro da autoría conxunta das deputadas Carme Adán e Tereixa Paz.  

As teses, após seren avaliadas este sábado polo Consello Nacional, pasarán a ser debatidas e emendadas nas asembleas comarcais, entre o 3 e o 15 de febreiro.

Comentarios