Samuel Juárez, delegado do Goberno: 'O BNG atacou a policías sen protección”

O representante máximo do Estado en Galiza lanza na prensa teorías raras segundo as que as persoas agredidas durante a visita de Merkel eran en realidade agresores que “xustifican a violencia”.

MERKEL4
photo_camera Agresións durante a visita de Merkel

Unha protesta de forzas nacionalistas de esquerdas que tivo lugar en Compostela e que, malia a súa lexitimidade en términos democráticos, foi salvaxemente reprimida polos corpos policiais, que agrediron a varias persoas, como se pode comprobar en varias imaxes, convértese nunha especie de atentado na imaxinativa -e sobre todo interesada- cabeza de Samuel Juárez, delegado do Goberno español en Galiza, que este domingo asegura nunha entrevista en La Voz de Galicia que @s manifestantes que foron golpeados polos antidisturbios cando protestaban contra a visita de Merkel a Compostela eran en realidade outra cousa, semellante ao terrorismo, co que teima en relacionar ao Bloque.

"Exerceron a violencia contra a policía", declara en La Voz o Delegado do Goberno, en contra de toda evidencia de que foi ao revés

A obsesión de Juárez co nacionalismo supera todos os límites ante o afín diario coruñés, onde deita frases como: “Vin a dirixentes do BNG en primeira liña, a empurróns, tratando de superar o cordón policial. A policías que nin sequera levaban o equipo de protección. Esa situación de forcexeo contra os policías é exercer a violencia. Xa sei que lles gusta pouco que llo diga, pero exerceron a violencia contra a policía”. A realidade é que os corpos de seguridade estatais impediron o acceso á Praza do Obradoiro a centos de persoas que protestaban de forma pacífica, e emprenderon con elas un ataque a golpes malia estar “desprotexidos”. Causaron feridas a varios manifestantes.

O delegado do Goberno insiste nas súas teorías intentando relacionar o BNG -ou a Beiras- con actividades violentas cando afirma: “Xustificaron no pasado que había mozos fartos e por iso poñían bombas en caixeiros”. O Bloque, e as outras forzas parlamentares de oposición, condenaron sempre calquera acción violenta. Pero Juárez segue ao seu.

Comentarios