'Somos Maioría' asegura que a súa proposta é “compatíbel coas Mareas”

Asinantes do manifesto por candidaturas de unidade xuntáronse en Compostela, coa presenza, entre outr@s, de López Rico, Antón Sánchez ou Carlos Aymerich.

somos-crop
photo_camera Xuntanza de Somos Maioría / E.P.

As persoas que impulsaron ou asinaron o manifesto 'Somos maioría' celebraron unha xuntanza nacional en Santiago, onde se asegurou que son un movemento "totalmente compatíbel" coas chamadas Mareas, segundo explicou un dos seus promotores, o actor Miguel Pernas, e “intercambiaron puntos de vista" de cara á composición de posíbeis candidaturas de “confluencia” ás locais de 2015.

"As cousas se poden facer aparcando as siglas" asegurou Miguel Pernas, que exerceu de voceiro

Ademais, Pernas engadiu que @s subscritores solicitaron que se puidesen xuntar @s integrantes nos concellos para "promover" listas municipais, e explicou que hai "algúns alcaldes de municipios" que asisten ás reunións que promove a plataforma, que recibiu o apoio, por exemplo, do de Monforte, do BNG. 'Somos maioría' defende a idea de que “as cousas se poden facer de xeito diferente, aparcando as siglas e traballando en proxectos comúns”, segundo remarcou o actor.

Entre os asistentes á reunión estaba o deputado de AGE Antón Sánchez, Mario López Rico do sector crítico de Anova e o antigo parlamentario e membro da corrente Abrente do BNG Carlos Aymerich.

Ao final da reunión tomaron a decisión de realizar unha consulta telemática sobre a posibilidade de crear iniciativas ou integrarse nas xa existentes.

Comentarios