O Supremo decidirá se Barreiro é outro imputado do PP na Pokémon

O portavoz dos populares no Senado está acusado de cobrar 5.000 euros de Vendex e as dilixencias foron desviadas polo Xulgado de Lugo, dada a súa condición de aforado.

Xosé Manuel Barreiro
photo_camera Xosé Manuel Barreiro

A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara, ordenou remitir ao Tribunal Supremo todas as gravacións co portavoz do PP do Senado, o lugués José Manuel Barreiro, para que decida se o investiga e, posibelmente imputa, ou non na operación Pokémon.

Nun auto asinado este venres, 12 de setembro, a xuíza tamén pide elevar ao alto tribunal as dilixencias e exposición motivada correspondente relacionadas co senador do PP galego. A Fiscalía xa avalara que a xuíza enviase ao Tribunal Supremo a parte da investigación que ten que ver con Barreiro, dada a súa condición de aforado.

Segundo as investigacións, o portavoz do PP no Senado recibiu presuntamente 5.000 euros de Vendex -principal empresa investigada na Pokémon- o 20 de maio de 2011, cando o agora senador era concelleiro na oposición no Concello de Lugo.

Comentarios