Todo indica que dúas candidaturas concorrerán na Asemblea de Anova

O prazo para a apresentación de listas conclúe esta sexta feira ás 14 horas. A hipótese de que cristalice unha candidatura de consenso, pola que pelexa Antón Sánchez (número 1 da lista oficial), é neste momento moi improbábel.

Anova
photo_camera Un aspecto da primeira asemblea nacional de Anova

A militancia de Anova elexerá este sábado entre dúas candidaturas distintas na súa III Asemblea Nacional, a se realizar en Pontevedra, salvo que fructifique a última hora a tentativa de formar unha candidatura de consenso. A hipótese dun acordo in extremis non se desbota, mais, segundo puido saber Sermos, é "moi improbábel".

Quen competirá no conclave? Pois dun lado a candidatura que lideraría Antón Sánchez, até agora coordenador da formación, e na que figuran nomes como o líder histórico Xosé Manuel Beiras e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega. Doutro, a lista que promovería Davide Rodríguez, parlamentar no Pazo do Hórreo e que xa se desmarcou do sector oficial nas primarias de En Marea ao promover a lista Somos Quen.

A Asemblea Nacional elexerá este sábado o máximo órgao da formación entre conclaves, a Coordenadora Nacional, con 50 integrantes. Posteriormente, a Coordenadora sumará outros 25 membros, en representación dos distintos territorios en que Anova está organizada.

Será esa Coordenadora Nacional, e non a Asemblea directamente, a que elexa portavoz nacional.

O sector nucleado arredor de Davide Rodríguez apresentou no debate dos textos unha emenda de eliminación de parágrafos do documento en que se enfatizaba o carácter estratéxico da confluencia de Anova con forzas non nacionalistas.

Isto non significa que Somos Quen poña en dúbida a existencia de En Marea como proxecto (de feito participou activamente na asemblea da confluencia propondo Luís Villares como portavoz). Mais ben estaríamos perante unha diferenza táctica, sobre onde debe pór o acento Anova neste momento (se no eixo nacional ou no da esquerda-direita), antes do que perante unha controversia sobre a orientación estratéxica.

Comentarios