-Cre que na sociedade galega actual a alimentación é correcta?
Falar en xeral da sociedade galega é difícil, mais se temos en conta os últimos datos do informe de consumo alimentario 2020, publicados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Galiza sitúase entre os territorios do Estado español cun maior consumo de carne e derivados cárnicos e un consumo por baixo da media de hortalizas frescas.
En base a eses datos podemos dicir que non comemos correctamente, posto que a evidencia cada día é máis clara de aposta por un maior consumo de alimentos de orixe vexetal (froitas, hortalizas e verduras, legumes, cereais de gran enteiro,…), e unha diminución do consumo de carnes e derivados, así como de alimentos ultra procesados.
Nun estudo que estamos a realizar con 261 nenas e nenos de idades comprendidas entre os 6 e os 15 anos os resultados preliminares indican que presentan un patrón de alimentación mellorábel caracterizado fundamentalmente por un baixo consumo de hortalizas e verduras, froitas e legumes, xunto cun consumo elevado de derivados cárnicos. Este feito é importante xa que estas pautas de alimentación erróneas son probabelmente un reflexo da alimentación das familias.
-Realizaron un traballo sobre o grao de coñecemento na sociedade sobre este tema. Que resultados deu? A que se deben?
Concluímos que, se ben unha porcentaxe importante da poboación coñecía as recomendacións de consumo de froita, e de hortalizas e verduras, non tiña un coñecemento axeitado da recomendación do consumo de carne, alimentos graxos ou alimentos ricos en hidratos de carbono. En xeral, en base aos datos, podemos dicir que o nivel de coñecemento da poboación en termos nutricionais é baixo, o cal repercute nos seus hábitos alimentarios, podendo ser un dos factores que derivan nunha alimentación pouco saudábel.
As causas deste descoñecemento, desde o meu punto de vista, son varias. Por unha banda, fálase moito de alimentación, do contido en nutrientes dos alimentos, de se hai que consumir vitaminas ou reducir a achega de, por exemplo, ácidos graxos trans, cando deberiamos falar da dieta como un todo, como un patrón de alimentación e un estilo de vida. Non deberiamos falar en termos de nutrientes senón de alimentos, que comer, en que cantidades e con que frecuencia.
Por outra banda, de pouco serve que a poboación coñeza as recomendacións se non prioriza a súa aplicación, polo que debemos facer un maior esforzo para concienciar a poboación sobre a importancia de adquirir e manter ao longo de toda a vida un patrón de alimentación e estilos de vida saudábeis, xa que van condicionar en gran medida a súa saúde presente e futura.
-A ONU declarou 2021 Ano Internacional das Froitas e as Verduras. Abondan as campañas que se realizan para fomentar o seu consumo ou debería incidirse doutra maneira?
As campañas son importantes, mais se cadra deberiamos formularmos se se está facendo o correcto cando despois de tantos anos seguimos tendo un consumo de froitas e sobre todo de hortalizas e verduras por baixo do recomendado. Por iso, é fundamental a Educación Nutricional da poboación e aí deben xogar un papel moi importante os profesionais da Nutrición. Da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC saíron varias promocións de Dietistas Nutricionistas moi ben formados e que deberían ter o seu lugar nos centros educativos, hospitais, etc., para axudar a poboación a adquirir eses hábitos de alimentación saudábel.