O Concello de Rianxo vén de decretar tres días de loito oficial polo asasinato de Diana Quer, a moza madrileña desaparecida o 22 de agosto de 2016 e cuxo cadáver apareceu o domingo 31 nunha nave situada en Asados (Rianxo) após a declaración do asasino confeso, José Enrique Abuín Gey.
O alcalde da vila, Adolfo Muíños (BNG), leu a acta da sesión plenaria extraordinaria que tivo lugar na mañá do día de hoxe durante a concentración desenvolvida ás 13h en repulsa do asasinato de Diana Quer, cualificado de crime “machista” polo rexedor.
O pleno do concello expresou o desexo de vivir nunha “sociedade segura, na que pasear, traballar, estudar, na que vivir”. “Querémolas vivas”, salientou Adolfo Muíños, que ratificou o seu compromiso de loita contra a violencia machista.
“Esta vez tocounos a maldade na porta para nos lembrar que fica moito por percorrer nesta sociedade, moito por facer para erradicar a lacra do machismo e non podemos ser cómplices, mirar cara a outro lado e pensar que só ocorre lonxe de nós”, engadiu o nacionalista.
Condolencias á familia
A Corporación expresoulle á familia da asasinada o seu “sincero pésame, respeito e solidariedade”. “Non hai un final que sexa feliz neste caso, mais a resolución e detención do culpábel é unha boa noticia”, afirmou o alcalde, que felicitou as veciñas e veciños e os corpos de seguridade e emerxencias pola súa “implicación desde un primeiro momento”.