Opinión

É malo o soberanismo para Galiza?

A poucos días da celebración da XIV Asemblea Nacional do BNG, veñen de escoitarse e lerse, en diversos medios de comunicación, declaracións de cargos do BNG adscritos á corrente ABRENTE nas cales se cuestiona a idoneidade do que dan en chamar a deriva soberanista do BNG.

A poucos días da celebración da XIV Asemblea Nacional do BNG, veñen de escoitarse e lerse, en diversos medios de comunicación, declaracións de cargos do BNG adscritos á corrente ABRENTE nas cales se cuestiona a idoneidade do que dan en chamar a deriva soberanista do BNG.

Unha das últimas, quizais a que máis impacto mediático causou, ao vir acompañada da súa próxima demisión como co-portavoz do BNG no Parlamento Galego, foi a do compañeiro, tamén no meu caso antigo profesor de Dereito Administrativo na Universidade da Coruña, Carlos Aymerich. Nas súas declaracións, en apretada esencia, cuestiona o tan manido “xiro soberanista” do BNG, engadindo que tal viraxe, xunto coa nosa participación en manifestacións nas que se demanda o dereito a decidir (como a celebrada o pasado domingo día 3 de marzo en Santiago de Compostela), retrotraeríanos a posicións electorais dos anos 80, “marxinais” segundo el.

Quixera lembrar en primeiro lugar que a defensa do soberanismo, ademais de ser un dos principios fundacionais do BNG, é un mandato, no máis inmediato, da Asemblea de Amio, polo que a actuación política do BNG ao afondar nesta liña non é senón produto da lóxica democrática e da responsabilidade política á hora de poñer en marcha as teses aprobadas maioritariamente pola militancia nacionalista.

"Supón situar o centro do debate social e político en Galiza como suxeito político e nas súas maiorías sociais como segmento máis atacado e tamén máis vulnerable ante a crise de modelo que estamos a vivir"


Mais situémonos no plano da oferta política estratéxica que debemos as e os nacionalistas do BNG ofrecer á sociedade. É aí onde debemos analizar e valorar se esa suposta “viraxe” cara postulados soberanistas nos sitúa na marxinalidade ou, pola contra, supón situar o centro do debate social e político en Galiza como suxeito político e nas súas maiorías sociais como segmento máis atacado e tamén máis vulnerable ante a crise de modelo que estamos a vivir.

E é que demonizar o soberanismo, considerar que o soberanismo nos conduce á marxinalidade, nun intre no que a constitución española non só nos nega a existencia nacional (pois calquera mínima mudanza nos estatus nacionais de Galiza, Catalunya ou Euskal Herria bate con dique de contención do Tribunal Constitucional) senón que incluso nega (a través da reforma constitucional perpetrada de común acordo polo PSOE e polo PP que dá carta de natureza ao teito de gasto e ao défice cero) a pluralidade ideolóxica na xestión da cousa pública é un suicidio en termos políticos que só pode pasar desapercibido por quén é refén do curtopracismo e do marketing. E aquí estámonos xogando moito máis que todo iso. Aquí estámonos a xogar unha segunda transición no plano territorial e un cambio de modelo económico e social. Aquí estámonos a xogar que as maiorías sociais diariamente agredidas por uns retallamentos que fan cada día máis difícil a vida, por unha reforma laboral que nos sitúa dous séculos atrás e por unha taxas de desemprego alarmantes entendan que só da man do noso dereito a decidir poderemos seguir existindo como Pobo e poderemos deseñar e exercer outro tipo de políticas que non estean inspiradas no paradigma neoliberal.

DAVID PENA

Marzo 2013