Opinión

Liberarnos das pegadas do fascismo

As pegadas do fascismo continúan entre nós e non por acaso. 

As pegadas do fascismo continúan entre nós e non por acaso. Continúan aquí pola vontade política dos partidos do réxime do 78, dos partidos que no seu día asinaron un pacto implícito que estendeu un ominoso manto de silencio a crimes contra a humanidade gravísimos e aos seus autores e responsábeis. Na cúpula dun deses partidos, o que goberna aínda hoxe con maioría absoluta na Galiza e no Estado, tiñan mando en praza dirixentes que o foron tamén durante a ditadura, desde Manuel Fraga até Adolfo Suárez. Eles amnistiáronse a si propios.

O PSOE felipista foi corresponsábel do indulto aos crimes franquistas. Con Zapatero unha nova xeración arriscou unha mudanza non desprezábel e daí xurdiu a Lei da Memoria Histórica, tépedo avanzo, mais avanzo ao fin. Desaparecido Zapatero do escenario, non poucos cadros socialistas -nomeadamente nos concellos- se resituaron na lóxica da transición e, destarte, eis temos a Abel Caballero en Vigo a defender que a Cruz do Castro non é un monumento de exaltación ao movemento fascista que destruíu a democracia en 1936, senón unha icona relixiosa, contra toda evidencia empírica e mesmo contra unha resolución xudicial.

O que temos entre mans, por tanto, é un clamoroso incumprimento da legalidade, a Lei da Memoria Histórica, quer por parte de gobernos locais do PP (Carlos Negreira) quer por parte de gobernos do PSOE (Abel Caballero)

Na Galiza o que temos entre mans, por tanto, é un clamoroso incumprimento da legalidade, a Lei da Memoria Histórica, quer por parte de gobernos do PP (Carlos Negreira) quer por parte de gobernos do PSOE (Abel Caballero). E fronte á iso, o que hai son dignísimos movementos cívicos de base que traballan pola restitución da memoria das vítimas nun país, a Galiza, que ten aínda que estabelecer o paradoiro dos corpos de 5.000 persoas desaparecidas (o Estado español é despois de Camboxa o estado con máis desaparecidos do planeta). Basta un dado para facérmonos idea do que estamos a falar: só na provincia da Coruña as estimacións apuntan a que existen 80 foxas colectivas con restos de persoas asasinadas polo fascismo.

As pegadas están aquí e hai que se liberar delas se queremos vivir nunha democracia digna de tal nome, nunha democracia en que, por certo, non sexa concebíbel que bandas neonazis e fascistas -como o Frente Atlético que matou a un seareiro galego o domingo 30 de novembro- acudan aos estadios de fútbol enarborando a cruz gamada.

Comentarios