Opinión

Museo de Pontevedra: ignorancia ou mala fe?

O Museo de Pontevedra é por historia, fondos, coleccións e espazos unha institución cultural de primeira orde en Pontevedra e en Galiza. Esta afirmación non implica unha actitude acrítica sobre o modelo de xestión, a musealización dos fondos ou a necesidade de modernización e apertura á sociedade, reclamación que se vén facendo desde instancias diversas nas últimas décadas.

O Museo de Pontevedra é por historia, fondos, coleccións e espazos unha institución cultural de primeira orde en Pontevedra e en Galiza. Esta afirmación non implica unha actitude acrítica sobre o modelo de xestión, a musealización dos fondos ou a necesidade de modernización e apertura á sociedade, reclamación que se vén facendo desde instancias diversas nas últimas décadas. Calquera persoa informada que analice con obxectividade a evolución histórica do Museo desde 1927 atopará luces e sombras, acertos e erros, mais é incuestionábel a transcendencia histórica da fundación e a súa permanencia no tempo ao longo de 85 anos.

Con todo, a análise crítica sobre o que debe ser o Museo non é o tema principal neste momento. Agora toca falar sobre cuestións centrais para entender o que está pasando. Sobre a torpeza con que o PP de Louzán entrou no Museo, comisariados políticos por medio, para propoñer autéuticas aberracións no tratamento dos fondos e na organización dos espazos. Sobre a falta de rigor nas cuestións artísticas e patrimoniais. Sobre a ignorancia do que representa a institución para Pontevedra. Sobre a falta de sensibilidade na relación cos patronos e benefactores do Museo.

Esta dereita iletrada que goberna a Deputación non ten nada que ver coa Pontevedra conservadora e amante da cultura que lle deu vida, sentido e amplitude de miras á cidade nos anos 20 e 30. O amor a Pontevedra e a Galiza converteu o Museo en depositario de bibliotecas e coleccións de incalculábel valor, desde a inmensa avinza de Castelao, primeiro incautada e máis tarde depositada no Museo polos seus herdeiros e albaceas, ata os legados de José Casal, Sebastián González García-Paz, José Filgueira Valverde, Álvaro Gil, Luciano García Alén e moitos máis.

A desaparición do Museo como organismo dotado de entidade xurídica propia, tal como o pensaron os seus fundadores, pode explicarse a partir da ignorancia do significado histórico desde feito transcendental. Mais só a mala fe, o afán destrutivo, o ánimo de vinganza e o matonismo político poden xustificar unha tropelía como a que quere perpetrar o louzanismo. Vai consentir a dereita pontevedresa de hoxe tal exercicio de barbarie?

Luís Bará, concelleiro de patrimonio histórico do concello de Pontevedra

Comentarios