Opinión

O antiislamismo na prensa europea

Esta semana tiven a oportunidade de asistir a unha conferencia da doutora Sabine Schiffer, fundadora do chamado Institut für Medienverantwortung (que traducido soaría máis ou menos como Instituto de Responsabilidade Mediática), adicado sobre todo á análise dos discursos mediáticos e ao estudo da representación das minorías na prensa.

Esta semana tiven a oportunidade de asistir a unha conferencia da doutora Sabine Schiffer, fundadora do chamado Institut für Medienverantwortung (que traducido soaría máis ou menos como Instituto de Responsabilidade Mediática), adicado sobre todo á análise dos discursos mediáticos e ao estudo da representación das minorías na prensa. A doutora Schiffer analizou detalladamente a imaxe que a prensa occidental ofrece do Islam e demostrou a existencia dun discurso claramente parcial que, a través da selección de información e a escolla de determinadas formas léxicas e imaxes, presenta o Islam como unha ameaza inmediata e como foco de violencia. O discurso basearíase en premisas como “Islam é terrorismo”, “Islam é radicalismo relixioso” e “Islam é opresión cara á muller”.

Non vou ser eu quen negue a existencia destes aspectos, pero concordo coa doutora Schiffer en que se trata dunha imaxe parcial e dun discurso discriminatorio. Non vou analizar aquí o uso do termo Islam, adoito empregado para designar un grupo heteroxéneo de comunidades e, polo tanto, unha realidade social e cultural sumamente complexa. E tampouco vou determe en lembrar a existencia de terrorismos que non son islámicos, o poder social que teñen tamén as institucións relixiosas non islámicas nas súas correspondentes comunidades ou a vixencia de esquemas opresores da muller noutras sociedades (sen ir moi lonxe, na nosa). Mais creo interesante reflexionar brevemente sobre as funcións que esta imaxe negativa da comunidade islámica, difundida dun xeito máis ou menos consciente entre a opinión pública, podería desempeñar na nosa sociedade occidental. Por unha banda, ofrece un marco propicio no que xustificar, cando non motivar, a intervención política ou / e militar no Oriente por parte dos nosos gobernos occidentais. Unha intervención trala que se agocha, sen dúbida, un obxectivo económico e estratéxico. Por outra banda, a existencia dese outro, que denominamos dun xeito simplificado musulmán e ao que lle atribuímos o monopolio da opresión, afianza na nosa sociedade a sensación de progreso e benestar, a sensación de estarmos na mellor das sociedades posibles.

"O discurso basearíase en premisas como “Islam é terrorismo”, “Islam é radicalismo relixioso” e “Islam é opresión cara á muller”."

Os traballos da doutora Schiffer nos que se denuncia este tipo de discurso foron censurados en diferentes editoriais e institucións. Un factor que explica esta censura é, precisamente, a relevancia que teñen as funcións do discurso antiislamista acabadas de presentar. Pero, ademais, estes estudos poñen en evidencia que a discriminación racista ou relixiosa en Europa non é algo do pasado. Penso que este feito, na mellor das sociedades posibles, é algo ben difícil de encarar.

Para rematar, e indo un pouco máis alá do tema no que se centra este artigo, penso que a publicación destas análisis críticas resulta imprescindible se queremos construír un verdadeiro estado de dereito. Por unha banda, contribúen ao mantemento e promoción dunha sorte de prensa seria e independente que poida por fin funcionar como verdadeiro piar dunha sociedade responsable. Pola outra, contribúen á formación crítica da cidadanía e ofrécenlle a posibilidade de aprender a distanciarse de certos discursos, determinados por grupos que naturalmente aspiran a manter a súa condición hexemónica.

Comentarios