Opinión

Liberdade

Teño a sensación de repetirme. Se cadra este é un artigo escrito moitas veces nos últimos tempos. Demasiadas. Non obstante, o fascismo avanza. É un feito. Participa de gobernos, medra nas enquisas das europeas e, sen pudor, insulta e sementa odio en cumios como a desta pasada fin de semana. Avanza a lombos dunha mocidade, din as propias enquisas, que considera contestatario e revolucionario os berros de Milei ou Abascal.

En todo este proceso a palabra máxica é a liberdade. Palabra talismán, tan baleira de contido que a podemos empregar para tomar unha caña, rexeitar o Islam, perseguir os homosexuais ou impoñer o pin parental. Quen pode opoñerse á liberdade? Todos e todas ansiamos vernos libres dos nosos traballos, das obrigas cotiás e desfrutar dunha vida plena. Viva a liberdade!

O berro resoa con tanta forza que comezamos a considerar que isto da política vai de berrar, mais detrás do espectáculo están os intereses. Os discursos sobre a familia tradicional, os inmigrantes, o xénero e outros típicos temas da ultradereita son un condimento do obxectivo fundamental de transformación social que Milei enuncia con claridade: eliminación do estado social e, por ende, dos fundamentos da democracia. A claridade das súas propostas é tal que ficamos sorprendidas.

Damos voltas sen entender como as persoas máis desfavorecidas e vulnerábeis ven no fascismo a opción de futuro. A patronal, tamén sen pudor, reúnese cun mandatario que vén a un mitin partidario. Por certo, viaxe pagada con cartos públicos. Aquí si que Milei non se aplica o de eliminar o público. Todo semella esperpéntico e, sen embargo, estou certa que é parte dunha estratexia global por desacreditar a política e concentrar o poder nos espazos financeiros e as multinacionais.

Aqueles que se enriquecen, isto é, os que moven os fíos de todo estes monicreques non están na foto; nin sequera na dos empresarios españois que nos deleitaron con ese momento sublime de masculinidade hexemónica. Non estar na foto só implica que desfrutaran de máis tempo no poder que os que representan a función en cada país.

As ideas neoliberais avanzan coa mesma forza que o fascismo cuestiona o feminismo, o multiculturalismo, o socialismo ou os movementos LGBT+. Todo en aras da liberdade. Evidentemente. Mentres isto ocorre, a dereita denominada tradicional abona o terreo ao fascismo pensado que obterá réditos electorais, a esquerda escribe artigos ou intenta algunha performance de sempre difícil traslado a aqueles que din defender, os sindicatos estatais operan como se non fora con eles e os movementos sociais xa teñen dabondo coas moitas frontes abertas nos múltiples conflitos que hoxe vivimos. Por algún motivo que descoñezo non consideramos que a cousa vaia en serio. Por momentos parece que nos alarmamos da forza do odio que se vai inoculando na sociedade. Mais polo xeral decidimos aplicar a máxima: malo será.
Cal é o plan se é malo? Seguir a dicir que a palabra liberdade inventouna a esquerda ou facer política desde a esquerda. Non é tempo para moito dilema.

Comentarios