Opinión

A voz de Galiza en Europa

Este título podería ser un lema electoral. De feito, xa o é. Reza na propaganda, nos mitins, está espallado polas redes sociais. Non obstante, hoxe gustaría determe no que hai detrás desas palabras.

Non sempre temos voz. Hai ocasións nas que outras persoas falan por nós, sobre o que somos, o que necesitamos ou o que mellor nos convén. Cando estamos en minoría de idade é algo habitual, un adulto soe decidir ou influír nas decisións. Na historia da colonización dos pobos tamén se ten dado este proceso no que a metrópole sabe o que é mellor para os pobos orixinarios, incluso a súa extinción. As mulleres tamén temos unha longa experiencia histórica en ser silenciadas e que falen por nós. Así, a relixión ou os señores en xeral téñennos explicado como é a nosa sexualidade, o noso intelecto ou o noso mandato como especie.

Ter voz en ocasións é un privilexio, xa que, a maiores de poder enunciar, esa voz debe ser recoñecida e escoitada. Nun mundo cheo de ruído, a voz propia convértese nun superpoder. Ana Miranda, co seu traballo incansábel, ten conseguido darlle esa voz á Galiza e ás causas xustas. Ese é o seu superpoder que ela exemplifica nas múltiples cores que unha camiseta pode exhibir, Exercer a palabra desde os intereses galegos no Parlamento Europeo non é algo fácil. Europa é como unha especie de grande cea familiar onde os sitios están repartidos, as cadeiras principais hérdanse e na mesa dos cativos as decisión veñen dadas. Non obstante, mudar as cadeiras, a orde dos pratos e quen se senta e onde o fai non é un mandato divino. É parte das nosas decisións. O astío electoral que se impón nestes comicios europeos beneficia aos que se cren donos de sillóns fixos. A eses que se gaban en falar de muros e valores europeos. Permitídeme que comente ao grande Feijóo afirmando que vai esixir aos inmigrantes que coñezan os valores europeos. Por unha banda, dan ganas de peguntarlle que valores son eses, por outra, dado que isto de profesora imprime carácter, dan ganas de suxerirlle que lea Aristóteles para decatarse de que os valores non se ensinan, exércense. El xustamente leva tempo que non exerce nin a tolerancia nin a democracia, supoñendo que foran eses os valores aludidos.

Dado que a voz é importante, para nós, como galegas e galegos, estas eleccións tamén o son. Moito. É un mantra repetir que en Europa se deciden moitas cousas. Mais é certo. Se é así, a defensa do noso necesita desa voz que explique o que é a pesca tradicional, a importancia de rexenerar as rías como a do Burgo, de plantarlle cara a unha empresa que agarda inzar a nosa terra de eucaliptos ou defender as vítimas de Angrois ata a extenuación. Non creo que poida relatar todo o traballo realizado polo BNG en Europa. É de sobra coñecido. Ás veces esquecido ou invisibilizado pola TVG, mais creo que si 
é recoñecido.

Ter voz é moito máis que dicir cousas. É exercer un dereito, o de existir desde a nosa dignidade sen esquecer que toda inxustiza nos interpela como humanos. Ter voz tamén é emprestárllela as silenciadas. Enorgulléceme a defensa das causas xustas desde a voz galega. 

Comentarios