Opinión

Valentín sen careta

Valentín González Formoso, alcalde das Pontes, presidente da Deputación da Coruña e ex secretario xeral do PSOE galego quitouse a careta, el que sempre vende a súa imaxe “campechana”. Escolle, nun acto de cobardía e escapismo político, a vía do artigo do opinión e non a demandada dun acto público de debate, con asistencia e participación abertas.

Nestas eleccións europeas, nas Pontes non se ve por ningures a imaxe da candidata do PSOE, algo que nunca pasara; por que, como é habitual, non trae á candidata do PSOE a un acto público nas Pontes; mais aínda, a señora Teresa Ribera, actualmente ministra de Transición Ecolóxica nunca visitou As Pontes, precisamente a ministra que máis influía no futuro da nosa vila, a ministra que ordenou o peche da térmica a pesares de ter investido na desulfuración e desnitrificación. Manter operativa a central térmica, até que tivésemos alternativas de almacenamento enerxético, tamén era unha garantía de subministro para a industria galega, incluída Alcoa.

O Alcalde das Pontes, en 17 anos de goberno, nunca fixo nin un só metro cadrado de solo industrial; baixo o seu goberno municipal, a vila das Pontes padece unha caída sen precedentes de poboación e de impulso industrial, iso si, levamos 17 anos de anuncios, de moita publicidade e de promoción persoal.

A única infraestrutura nova nestes 17 anos foi un inacabado circuíto de karts, só iso; en cada proceso de eleccións municipais anuncia unha Residencia Pública para persoas maiores, xa leva tres anuncios diferentes, ningún deles cumprido.

Agora, como unha cortiña de fume sobre a súa xestión, pretende ridiculizar e manipular, nada novo nel; nos terreos onde está a central térmica non existe actualmente ningún proxecto empresarial, o anunciado por Ence vai no parque de carbóns de Sáa, para quen non coñeza As Pontes, ese parque de carbóns está a uns 2 quilómetros dos terreos da Central; en segundo lugar, o BNG non pide manter todas as instalacións, só parte delas, quedando pois terreo dispoñíbel, como por certo fixo no seu día o propio Concello das Pontes e agora o Alcalde oculta, e si pódese ter un Museo Galego da Enerxía, e As Pontes é o lugar acaído, nós tamén temos patrimonio industrial. Por certo, as instalacións que se declaran Ben de Interese Cultural (BIC), por lei, teñen que ser mantidas polo seu propietario, é dicir Endesa. En fin, outra manipulación de Valentín que non só acaba coa vida económica das Pontes, tamén quere acabar coa súa memoria.

Quen gaña se se tiran todas as instalacións de Endesa e, ao final, só queda un solar, pois evidentemente Endesa; a empezar o solar, que non estaría dispoñíbel ante do 2030 (non sabemos se As Pontes poderá seguir sen solo industrial tanto tempo), sería de Endesa non público e, ademais, cando Endesa non teña propiedades nas Pontes rematará a súa obriga coa nosa vila.

Mais cando se trata de favorecer a Endesa, Valentín remángase; cando o seu sindicato amigo vendeu os beneficios sociais dos traballadores/as de Endesa, cunha repercusión millonaria no día a día da vida económica das Pontes, Valentín calou.

E, efectivamente, quitouse a careta, é un lobbista, e énchenos de xa manidos tópicos; Galiza exporta, ano tras ano, electricidade, no 2023 exportou o 42% do que xeramos; o problema, neste momento en Galiza, non é a xeración eléctrica, é que esa xeración non está ao servizo da economía galega, incluída Alcoa.

Valentín quere ridiculizar pero, ao final, fai o ridículo, cando volva facer un artigo de opinión para toda Galiza, por favor, que antes ensine os datos da súa xestión nas Pontes, só clientelar, que informe da caída de poboación, de afiliación á seguridade social, de avellentamento, de perda patrimonial, se quere, ten moito que explicar antes de dar leccións.

Carmela Franco Caaveiro, voceira do grupo municipal do BNG nas Pontes

Comentarios