Opinión

'Madame Galice en Europa', por María Martínez

Coñecida na Eurocámara como Madame Galice, Ana Miranda dá voz en Europa aos principais temas que afectan a Galiza e se deciden no Parlamento Europeo. Así, a candidata do BNG ás eleccións europeas –xurista experta en dereito comunitario e falante de seis idiomas- ten levado ás institucións europeas delegacións defensoras do sector pesqueiro e agrogandeiro galegos, ás enfermeiras en loita, aos afectados da macrocelulosa Altri, do medio ambiente e contra o espolio dos macroproxectos eólicos... sempre, sempre na defensa de Galiza.

Deste xeito explícase o alcume Madame Galice: ten un coñecemento exhaustivo do funcionamento das institucións europeas, -forxado ao longo dos anos desde que comezou traballando co eurodeputado Camilo Nogueira-, combinado co traballo incansable para dar voz a todos os colectivos no lugar no que se toman as decisións que afectan directamente a Galiza.

Pero o seu compromiso vai máis alá da defensa dos intereses galegos. Ningunha causa xusta lle é allea. Concibe o traballo político desde a escoita empática dos máis desfavorecidos e a loita incansable pola xustiza. Exemplo disto é o seu traballo incansable a prol da verdade e a xustiza no caso do accidente do Alvia ou no do Villa de Pitanxo.

Esta forma de entender a vida e a política –con intensidade e sen desfalecer nunca-, vén forxada polas ensinanzas de Manuela e Pepe, os seus pais, que como ela ten contado nalgunha ocasión lle dirían “Aniña, ti es mundial, non dobres nin cales nunca!”.

E non dobrou nin calou cando foi secuestrada por Israel no 2015 cando formaba parte da Flotilla pola Liberdade que levaba medicamentos e paneis solares a Gaza. Non dobrou nin calou cando no 2023 foi expulsada do aeroporto de Tel Aviv cando formaba parte dunha delegación internacional do Parlamento Europeo que se dirixía a Palestina. Como tampouco dobrou nin calou cando se trata de defender os dereitos dos pobos saharaui e kurdo, porque segundo lle contaba o expresidente de Uruguai, José Mujica, “ningunha causa xusta nos pode ser allea”.

Comentarios