Opinión

Sobre Otero Pedrayo

[Carlos Abeledo, de A Coruña]

Leo con moita atención o artigo de Xurxo Martínez González publicado o 9 de maio na páxina 28 do noso Nós Diario, no que trata da figura de D. Ramón Otero Pedrayo. Aínda que nestas alturas da vida non son amigo de debater ou discutir, permítome esta pequena leria co Xurxo.

Eu, dende logo, non comparto en demasía o ideario de Otero, mais confronto en parte coa análise que se fai deste persoeiro. Sabedes que en vida era chamado Patriarca das Letras Galegas, por algo sería.

Asistín a principios dos anos 70, no salón artesonado de Fonseca, con asistencia de Xosefa e Tareixa (irmáns de Castelao) a unha conferencia memorable encol do inesquecible rianxeiro.

Fiquei abraiado pola verborrea de D. Ramón. Xamais escoitei falar a ninguén, sen ningún guión, desa maneira floreada. Palabras tan precisas que engaiolaban a alma. Pode ser que non estea interpretando ben o artigo de Xurxo, talvez que sexa algo difuso (perdoa se é asi e eu estea trabucado), o importante é que me fixo pensar. Analizando a figura de Otero, ou de Ramon Piñeiro (sen ánimo de comparanzas), temos que analizalas no seu contesto. Lembrade que nos anos da ditadura estaba todo prohibido e perseguido. Eles mantiveron o galeguismo vivo.

Repito e laméntome, non quero entrar no ideario, mais penso que foron os grandes baluartes que mantiveron a nosa lingua viva no medio da persecución á que estivemos sometidos.

Por certo, eu estou máis perto de Marx que de Cristo, por se houbese dúbidas.

Comentarios