Opinión

'Viva a Liberdade? Que Liberdade?', por Celso Milleiro

Non deixa de ser unha aberración como nos últimos tempos a beira da dereita ideolóxica use de xeito hipócrita a verba "Liberdade", prostituíndoa do seu contido real.

Antepoñen a liberdade individual sobre a colectiva, contradicindo o devalar histórico dunha humanidade que saíu adiante grazas a vivir, convivir e traballar de xeito grupal. É dicir un "Estado" coas  súas imperfeccións e dramas incluídos.

Tras a caída do Muro de Berlín, un capitalismo voraz intenta con máis forza desarmar o individuo de todo instrumento político facendo crer que o antídoto vital é a liberdade individual, sen decatarse algúns que o que realmente ofrecen son unha sobredose das causas que xeran as desigualdades sociais, culturais e económicas.

O avance do imperialismo e da oligarquía transnacional, que non só destrúen a humanidade senón ao planeta, ten como obxectivo a eliminación da liberdade colectiva chegando a formular a destrución do propio Estado, garantía esencial para transformar a sociedade nun mundo mellor para nós e para as xeracións vindeiras.

O Estado é un instrumento necesario para garantir unha convivencia. Se racha, que ficará logo? O IBEX, o Dow Jones e as grandes fortunas decidirán o noso futuro, que xa o fan, mais nin existirá a liberdade colectiva nin a individual. Teremos a ditadura do capital en plenitude, cunha falsa calidade de vida.

Celso Xavier Milleiro Sánchez (Marín)

Comentarios