Opinión

As dúas nacións

No filme Paterson (2016), Jim Jarmush conta con melancolía e humor a historia dun condutor de autobús afeccionado á poesía. O filme é un exercicio de amor á vida cotiá e á memoria local no que un traballador novo e silandeiro, que comparte a vida cunha rapaza adorable, escribe poemas inspirados na obra doutro natural da cidade: William Carlos Williams. Entre as moitas conversas que escoita aos viaxeiros na xeira de traballo destaca a de dous adolescentes que lembran con admiración as peripecias de Gaetano Bresci, un inmigrante italiano que fundou unha revista anarquista en Paterson, New Jersey, ata que decidiu volver ao seu país para matar ao rei Umberto I. 

Relacionada con ese pouso libertario sedimentado pola comunidade italiana nos EUA está a vida dun galego de Miño chamado Frank López, quen tamén deambularía por New Jersey e por outras partes de Nova Inglaterra, coma a cidade de Boston. 

A historia de Frank López cóntaa Bieto Alonso nun libro que leva por título: Inimigos ás portas. Frank López e o anarquismo global (Galaxia). Antes, noutro traballo titulado Estendendo a rebelión. Sindicalistas marítimos galegos na América Atlántica 1875-1930 (Galaxia, 2021), Alonso pescudara a vida de moitos galegos involucrados na loita sindical en diversos portos da costa Atlántica americana. Seguindo a estela en voga dos estudos transatlánticos, o ensaísta fai agora o propio coa figura de Frank López, inmigrante afouto que tomaría consciencia política na terra de acollida e que, antes de ser deportado, participaría na Revolución Mexicana e en numerosas iniciativas editoriais, ademais de facer parte do comité de apoio a Nicola Sacco e Bartolomeo Vanzetti, dous anarquistas italianos acusados de asasinato. 

Cita Bieito Alonso a John Dos Passos para dicir que a execución de Sacco e Vanzetti en 1927 definiu o discurso político da época. Un tempo caracterizado pola polarización dos EUA e do mundo en "dúas nacións". En realidade, Dos Passos toma a idea de Bejamin Disraeli, quen a formulara en Sybil or The Two Nations (1845), novela coetánea d´A situación da clase obreira en Inglaterra de Engels. Hoxe, a polarización das dúas nacións regresa e resúltannos perturbadores os ecos do clima belicista no que viviu Frank López: tempos agres que asistiron á emerxencia da histeria anticomunista ianqui, do fascismo europeo e do sionismo. Psicofonías dun presente no que os tambores de guerra volven ameazar a non sempre ben valorada poesía da vida cotiá.

Comentarios