Opinión

Cartas

Mentres o BNG xoga a carta da madurez simbolizada pola participación de Beiras, canda Ana Pontón e Ana Miranda, nos actos da fronte, o carteiro Pedro Sánchez, que sempre chama dúas veces, entregou outra misiva paulina aos hispanos denunciando o xurro da caverna mediático-xudicial contra a súa dona Begoña Gómez. O líder socioliberal volve tirar de retórica esquerdista para concentrar voto e tratar de que, tras o 9 de xuño, o coronel Feijóo, coma antes o coronel Casado, xa non teña quen lle escriba. O truco, malia non poñer as cartas sobre a mesa no que ten que ver coa democratización do Estado, pode volverlle saír ben. Sumar e Podemos están enleados nos seus propios xogos da fame e a consecución de escanos polo freak Alvise salpimentará aínda máis de reaccionarismo estrafalario o cóctel co que o PP terá que armar calquera alternativa no futuro.

Comentarios