Opinión

Fetiches

AFrancia gústanlle as grandes cerimonias de Estado máis que a un neno unha lambonada. E canto máis plásticas e belas fan os franceses as cerimonias, máis se evidencia, do Sahel a Nova Caledonia, o seu declive. Macron asistiu marcial á entoación da Marsellesa na praia de Omaha, en conmemoración da data fetiche do antifascismo hollywoodiense. Deixar fóra de plano Rusia segue a ser a tentación de Occidente, aínda que o fluxo do gas continúe pola porta traseira. 

O recurso a Normandía, cando se prevé que mañá creza a estrema dereita no Parlamento Europeo, ten algo de chusco. Tamén o feito de que os antifascistas de hoxe sexan os ordoliberais de onte que, baixo o celofán europeísta, crearon o caldo de cultivo para o histerismo actual. Na campaña apenas se falou das rixideces de Maastricht, da austeridade e da desvalorización interna. Case todo se reduciu a unha disputa moral entre o ben e o mal coma se estas fosen categorías flotantes sen ancoraxe en materialidade ningunha.

Comentarios