Opinión

Keynesianismo militar?

Malia a diversidade de lemas, os partidos de orde españois ofrecen variacións dun mesmo tema. O do PP, "Tu respuesta", sanchicifica a campaña: explicitar que o plan para a UE pasa por pactar con Meloni non viste. O PSOE, que vén de entregar unha millonada a Zelenski, pretende, co seu "Más Europa", encarnar o liberalismo globish que nos trouxo, crise financeira mediante, onde estamos. Canto a ese casticismo subalterno que é Vox, xa ten media campaña feita co photocall de Abascal e Netanyahu. O destes é opositar para ser a dereita sen máis complexos que o complexo militar-industrial dos EUA. E non será unha especie de keynesianismo militar ao Ronald Reagan o consenso que une a socioliberais, Grünen-Seprona (clorofila+uniforme) e dereitallos europeos para cabalgar esa forma de crise crónica chamada neoliberalismo en tempos de decadencia hexemónica?

Comentarios