Opinión

Luces sombrías

A orixe da UE é un pacto entre Francia e Alemaña para controlar a produción do aceiro e o carbón. Máis tarde veu o refrito poético sobre as bondades universalistas da Europa das Luces, que a duras penas coincidían coa historia real interna do continente (dado que as nacións que o compoñen sempre gustaron de matarse entre si), e aínda menos externa, onde europeo e criatura sanguinaria viña sendo (e segue a ser) sinónimo. A lírica sobre o eixe franco-xermano engraxou as décadas previas á crise do Euro de 2010. Nesta data, a sima que separaba a Europa do norte e a do sur volveu aflorar. Cos conflitos en Ucraína e Palestina a fenda entre a vella Europa e os "bárbaros" do sur global ensanchouse.

O Reino Unido foi o canario na mina que avisa do grisú: pechouse na súa illa e fabulou con facer cousas nazis como deslocalizar inmigrantes a Ruanda. Agora é o núcleo duro da UE o que tamén quere fundar novas illas nazis (así hai que entender os resultados de Le Pen e de AFD nas eleccións do domingo) pero como eles e a UE son o mesmo, a súa fuxida, se se colma a escala nacional, só pode dar lugar á implosión do tinglado. Europa é un continente poboado por vellos asustados e bastante ruíns (que ben viu isto Thomas Bernhard nos seus compatriotas austríacos que veñen de dar a vitoria a un partido fascista). 

Canto a España, como bo Estado secundario que é, as eleccións europeas foron unhas xerais con balas de fogueo. E ese é o drama do PP de Feijóo: estes eran os comicios ideais para castigar a Sánchez pola amnistía, o "socialcomunismo" e a suposta corrupción de Begoña Gómez. Pero nada diso sucedeu. Sánchez sae vivo das europeas e poderá alongar a lexislatura se consegue manter os apoios no Congreso. A irrupción de Alvise só pode traer máis quebradeiros de cabeza a Feijóo para chegar a gobernar algún día.

Nas esquerdas, Yolanda Díaz decidiu non acudir á valoración dos resultados, o que é en si toda unha valoración. A non consecución do escano de IU presaxia marusía en Sumar. Irene Montero cóbrase a vinganza, pero o saldo para a esquerda española post-15-M é facer de Agora Repúblicas, a coalición dos soberanistas galegos, vascos e cataláns, a primeira forza da esquerda diferente ao PSOE. Neste continente pagado de si mesmo polo que corren aires chauvinistas e belicistas, o escano conseguido por Ana Miranda para o BNG dentro de Agora Repúblicas encarna unha pequena luz a tremelar nun mar de sombras.

Comentarios