Opinión

Ursula

Feijóo quere formular as europeas coma un plebiscito contra Sánchez e que fique en ton menor a cuestión de que a "candidata" do PP europeo, Von der Leyen, ve factible articular maiorías con Meloni. Para cadrar o círculo, e evitar que a ansiada derrota sobre Sánchez quede nun belisco mobilizando voto, Feijóo botou man dun clásico do PPdeG consistente en adozar as cousas cunha enxurrada de campechanismo pangalaico.

É así que a aspirante a nova dama de ferro, que mesturaba nun vídeo electoral un pouco de bucolismo ecolo con chamamentos a unha "strong Europe" (xa sabemos en que deron no pasado eses ingredientes na pota xermana) presentouse na romaría pepeira do Pino coma Úrsula, alguén da casa disposta a bailar cantas cumbias malandrómicas fixesen falta (Chegamos a tempo pro vermú / Na cantina non collía unha vara de bambú) para quitarlle un pouco de fedor prusiano á fama que a precede.

Comentarios