Opinión

O bloqueo español

A máis que probábel abstención do PSOE a unha eventual nova investidura de Rajoy pode desbloquear o taboleiro político, mais o veto ás nacións sen Estado continuará sobre a mesa. O pano de fundo é a incapacidade do réxime de 1978 para aceitar a evidencia empírica de que no Estado hai máis pobos que o español e que estes, a comezar polo catalán, demandan máis poder político, moito máis do previsto na Constitución da restauración borbónica.

O bipartidismo do 78 pasou á historia, mais o novo deseño que se está a fraguar é tan pouco democrático como o anterior. Hai unha forza maioritaria profundamente españolista ao fronte do aparato do Estado e, embora o lastro da corrupción, con cada vez máis forza para levar adiante o seu proxecto. O PP conta agora coa vantaxe estratéxica da inédita fractura no seo da esquerda, con PSOE e Podemos virados en organizacións de tamaño semellante, que compiten máis entre si do que contra a dereita. No bipartidismo, o PP era derrotábel nas urnas. Agora, cun sistema asimétrico entre conservadores e progresistas, a dereita gaña sempre con tal de que optimice a súa base electoral.

O bipartidismo do 78 pasou á historia, mais o novo deseño que se está a fraguar é tan pouco democrático como o anterior

Esta transformación do panorama estatal ten como orixe a fortísima crise económica desatada a partir de 2008, mais tamén a falta de asunción por parte do PSOE da estrutura plurinacional do Estado. Nin sequer Sánchez, o dirixente máis proclive a explorar alternativas ao pacto co PP, concibía o diálogo aberto e sen condicións previas co soberanismo catalán.

Destarte, o réxime do 78 reivéntase a si mesmo, máis orientado cara á dereita e cara á primacía da visión supremacista española. Desde a perspectiva das nacións sen Estado, a opción non pasa por reforzar ningún dos actores estatais, sendo que o en teoría máis avanzado, Podemos, se proclama a si propio como garante da unidade do que chaman sen complexos patria. A única alternativa, pois, é continuar a apostar nas forzas políticas propias de cada un dos países, no noso caso, Galiza. Isto é: fronte ao bloqueo español, reforzo do espazo nacional de decisión.

Comentarios