Opinión

Espías

Que o Estado español teña espiado -ou estea a espiar- gobernantes e líderes de formacións nacionalistas dá conta da baixa calidade democrática do propio Estado. Porén, onte vivimos un dos momentos máis vergoñentos do parlamentarismo da boca da ministra de Defensa, a xuíza alcumada como progresista Margarita Robles, que recoñeceu pola vía da xustificación a espionaxe a soberanistas. A ministra preguntou á oposición que é o que ten que facer un Estado cando alguén declara a independencia? A resposta viulle dada: mirar a outros territorios onde se aceptan consultas democráticas á poboación. Alén diso Robles chegou a deslizar que non só o CNI tería empregado Pegasus senón tamén outras forzas de seguridade. A existencia do propio programa israelita Pegasus no Estado español evidencia que este espiou, pois Israel só vende o programa a Gobernos de países. O Executivo di que non pode dar explicacións públicas porque non pode revelar información do CNI e empraza as forzas políticas a estudar o caso na comisión de segredos do Congreso. Ben, o hábil Aitor Esteban xa dixo onte que da súa participación nesa comisión o que ten claro é que aí os segredos de Estado non saen á luz.

Comentarios