Opinión

Galega, pública e libre de peaxes

[Alberte Mera]

Non fomos esperalos ao Padornelo como "pedira" o presidente do Parlamento da Galiza se voltaban con éxito, pero o certo é que Pazos Couñago (PP), Ana Pontón (BNG) e Gómez Besteiro (Partido Socialista) triunfaron onte no Congreso español na defensa da transferencia á Galiza da Autoestrada do Atlántico. Parabéns á representación do pobo galego que cumpriu co unanimemente aprobado na Cámara galega. Ben tamén, e isto non sempre foi nin é así, as formacións políticas do Congreso que votaron no Estado o mesmo que na Galiza e non bloquearon o acordo do Parlamento galego e aceptaron a trámite a petición do traspaso.

Luz verde dada por todos os grupos políticos salvo o de Vox, claro, que mandou unha deputada a clamar contra o autogoberno galego que nin sequera sabe que é Galiza (recordemos que teñen cero representantes políticos por este país). Despois de tan bo desempeño onte no Congreso, só un desexo: sigan así, respecten e acaten a decisión democrática do pobo galego. Non enleen na tramitación con emendas absurdas só para atrasar a votación final e así chegar á fin da lexislatura, e coa disolución das Cortes ter que voltar outra vez a iniciar o debate no Parlamento galego, logo no Congreso, nas comisións, etc. Sexan xente seria, precisamos AP-9 galega, pública (que os donos non sexan fondos voitres como agora) e libre de peaxes. Xa pagamos abondo.

Comentarios