Opinión

O matón e os cómplices necesarios

[Yuri Carrazoni]

Hai anos que o Estado de Israel actúa como o matón da clase. Coa actitude altiva de quen se sabe intocábel porque ninguén se atreve a lle facer fronte, agride sen piedade nin titubeos o pobo palestino. E quen debería pararlle os pés, neste caso a comunidade internacional, limítase a dar unha tibia reprimenda. "Deixeille claro que non o apoiarei se ataca Rafah", dixo recentemente Joe Biden. E como o pai que olla cara a outro lado mentres o seu fillo mantén a súa actitude violenta, os EUA seguen a subministrar armas a Israel. Armas usadas contra infraestruturas civís, armas que asasinan crianzas.

Onte os gobernos español, irlandés e noruegués confirmaron que recoñecerán oficialmente o Estado de Palestina a partir do 28 de maio, un paso decidido e moi importante para traballar pola paz, a soberanía e o dereito á autodeterminación do pobo palestino que transcende do mero simbolismo. Non foi sen tempo, pero, como se soe dicir, máis vale tarde que nunca. E se ben é loábel que o Goberno español tomase a iniciativa neste asunto, o certo é que a súa resposta ante o masacre de Gaza podería ser máis contundente. Non deixa de resultar sorprendente que Moncloa estivese máis perto de romper relacións coa Arxentina tras a disputa dialéctica con Javier Milei que con Israel após sete meses de bombardeos e máis de 35.000 mortos. Hoxe máis que nunca, Palestina precisa da solidariedade dos pobos. Non enfrontarse ao matón é ser cómplice da agresión.

Comentarios