Opinión

Medos en campaña

[Alberte Mera]

Tempos difíciles e grandes retos por diante. Eis o panorama que a Galiza e os pobos que están na Unión Europea encaran este domingo electoral de 9 de xuño. Tempos de adversidades, cun capitalismo ultraneoliberal que "motoserra en man" quere liquidar dereitos sociais e cunha dereita que branquea a ultradereita e o fascismo, que fan que os retos sexan moitos. O primeiro, para facerlles fronte, pór Galiza con voz e poder de decisión no Parlamento Europeo. Para avanzar en dereitos e noutra Europa, a social e dos pobos, e non nesta creada pola alianza mercantil das potencias capitalistas, que o da "democracia" foilles un verniz que atoparon de oferta no ultramarinos de Maastricht.

Desde logo que haberá tantos modelos de Europa como ideoloxías hai. E sempre que os intereses galegos sexan promovidos nesas Europas posíbeis, ben estarán. Mais, para ver que modelos de Galiza e de Europa son posíbeis, o debate político é imprescindíbel. Hai que lamentar por tanto que a CRTVG emitise o único debate na radio e televisión públicas da Galiza nun horario de baixísima audiencia e cun formato de debate que incitaba a facer varias cafeteiras. Lamentar tamén que o candidato do PP galego, don Millán Mon, non quixese en 15 días conceder unha entrevista a este medio. Agradecer a Nicolás González (PSdeG) e Ana Miranda (BNG) a entrevista concedida. É o normal, mais nestes tempos parece o excepcional.

Comentarios