Opinión

O bico da traizón

[Xoán Costa]

In ilo tempore, chegada a Semana Santa, Manuel Fraga reunía o seu Goberno nalgún mosteiro para afinar estratexias electorais ou definir planos de traballo. Na derradeira delas, celebrada en santo Estevo de Ribas de Sil, debeu estar presente Núñez Feixoo, na altura vicepresidente. Daquela a estratexia electoral faliu e o PP perdeu a Xunta. Cando Feixoo chegou a presidente prescindiu dos paseos claustrais e optou por unha relación de señorío e vasalaxe, no PP e no Goberno, conservando na forma certa simboloxía relixiosa para a adaptar ás súas necesidades.

Así, na semana pasada, en Sevilla, celebrou o seu domingo de Ramos, a súa particular entrada triunfal na política española, a Xerusalén desexada. Mais despois do Domingo de Ramos chega a semana da Paixón. E nesa está agora Feixoo, cuns discípulos dispostos, parece, a se rebelar contra o mestre, a non admitir a designación sucesoria e a reclamaren un congreso. Quen negará o mestre? De quen será o bico da traizón? E por cantas moedas? Xa veremos.

Comentarios