Opinión

Rueda, herdeiro en vida

[Xoán Costa]

Parece que na súa sucesión como presidente da Xunta e como presidente do PPdeG Feixoo opta, finalmente,  polo pacto sucesorio, esa figura do dereito civil galego que permite a transmisión de bens ou dereitos a favor de descendentes do mellorante podendo manter o usofruto por parte do adxudicante.

A Lei de Dereito Civil de Galiza distingue máis dun tipo de pacto sucesorio. Un é o de mellora, que parece ir para Rueda. Outro é o de apartación que permite, a cambio dun pago antecipado da lexítima, apartar ou excluír o beneficiario da súa futura condición de herdeiro, mais a apartación non significa que no futuro o apartado non poida herdar o apartante.

Pois aí o teñen. Feixoo, que considera a Galiza como unha propiedade súa en virtude da herdanza derivada do testamento de Fraga Iribarne, aplica agora ese mesmo pacto sucesorio que lle permite outorgar a herdanza política e os mecanismos de control do PPdeG e do goberno da Xunta, sen necesidade de falecemento político previo, a Afonso Rueda. E el fica con todos os usofrutos. Todo dentro da lei.

Comentarios