Opinión

Todos os ollos sobre Rafah?

[Yuri Carrazoni Mier]

36.224, as persoas asasinadas en Gaza. 81.777, as feridas de diversa consideración. 79.000, as vivendas totalmente destruídas. 80, os anos que se precisarán para reconstruír a Faixa. O masacre da poboación palestina parece reducido hoxe a iso, un conxunto de cifras que asimilamos con cada vez máis naturalidade a pesar da barbarie sen precedentes que representan. Pero detrás de cada número hai un nome, como Haitham Tubasi e Suhail Hassouna, dous paramédicos da Media Lúa Vermella que foron asasinados a pasada noite por un tanque israelí que abriu fogo contra a súa ambulancia en Rafah. "Era un vehículo sospeitoso", alegou o Exército, que recoñeceu o ataque.

O Goberno dos Estados Unidos prometeu ficar "vixiante" de que non se cruzasen as "liñas vermellas" en Rafah, a cidade que o Exército israelí converteu nunha ratoeira sen escapatoria para os miles de persoas que se refuxiaron alí nos últimos meses logo de que os expulsasen dos seus fogares, hoxe arrasados. O pasado domingo un bombardeo de Israel —con munición estadounidense— provocou 45 mortes nun campamento de refuxiados, unha traxedia que o propio Netanyahu admitiu como un "tráxico percance". É iso unha liña vermella? Semella que non, como tampouco parece selo a matanza indiscriminada de crianzas e a destrución de hospitais e outras infraestruturas civís. Estes días popularizouse nas redes sociais o lema 'Todos os ollos sobre Rafah'. Todos? Algúns semella que padecen miopía.

Comentarios