Opinión

Patrimonio

Boa parte da sociedade galega non é consciente do valor do patrimonio histórico-artístico  á vista. Menos atención presta aos achados arqueolóxicos descubertos a causa de actividades humanas ordinarias. É lóxico cando o patrimonio propio non entra a formar parte da educación obrigatoria, e tampouco goza, normalmente, dun trato por parte das administracións públicas acorde coa súa importancia, testemuña do proceso histórico que conformou a sociedade galega.

Como monumentos, memoria do pasado, só o seu coñecemento e aprecio pode facelos funcionais e pertinentes no presente. Nesta cuestión somos vítimas da ignorancia e a desconsideración de nós propios como pobo. Esta mancadura contrasta cos numerosos especialistas e amadores que, dunha ou doutra maneira, prestan atención á problemática do patrimonio histórico-artístico do país.

De existiren gobernos con algunha sensibilidade ao respecto na Galiza, habería un inxente e proveitoso traballo de estudo, catalogación, protección e conservación, difusión de coñecemento, posta en valor e usos, debidamente planificado e con obxectivos a cumprir. A imaxe do país mudaría de forma espectacular. Sería recoñecido dentro e fóra pola riqueza e impacto do seu patrimonio histórico-artístico.

Estes últimos días tivemos información, con tres exemplos paradigmáticos, da actitude das administracións públicas co patrimonio que nos sustenta e explica como pobo con historia. Dous refírense a restos arqueolóxicos medievais e o terceiro a un monumento barroco. Pódese a través deles estabelecer conexións de continuidade na forma de proceder entre etapas históricas diferentes, a II República, o tardo franquismo e o actual réxime. O profesor Prado-Vilar da USC informaba (Voz de Galicia, 03-09-23) da odisea das tres columnas románicas do altar do Apóstolo depositadas no Mosteiro de Antealtares. Compradas polo Goberno español en 1930, após rocambolescas compra-vendas entre marchantes e monxas, non só acabaron no Museo Arqueolóxico Nacional de España, Madrid, seguindo a tradición colonial.

O goberno da República autorizou en 1933 a cesión dunha delas á Universidade de Harvard en troca de esta lle entregar unha lauda sepulcral de Afonso Ansúrez, cabeza da clase dirixente castelá-leonesa, próximo a Afonso VI, comprada en 1926 a un vendedor privado. Os nosos especialistas e amadores de entón defenderon, publicamente, que as tres debían estar depositadas en institucións galegas e no ambiente que as orixinou. Debían regresar de Madrid e de Harvard. Evoco a odisea da desaparición da chamada cruz de Afonso III da Capela das Reliquias da Catedral de Santiago en 1906.

Obviouse toda investigación continua e paciente. Asumiuse como unha fatalidade: impensábel en calquera outra das sés metropolitanas da Igrexa española. Nós Diario (04-09-23) informou da denuncia sobre a recente apropiación privada, favorecida polo Catastro e o Rexistro, dunha das casas máis emblemáticas de Combarro, propiedade pública do Estado, declarada BIC, desde 1972.

O goberno municipal de Ferrol, coa conivencia da D. X. de Patrimonio, vén de soterrar os achados arqueolóxicos da rúa San Francisco: os restos da muralla medieval de Ferrol! Rexeitaron a posibilidade de, cunha pequena reforma do proxecto, faceren compatíbeis a mellora da rúa e o coñecemento monumental das orixes da cidade. Mellor enterrar a historia e o patrimonio!

Comentarios